NO VERÁN REINAN AS ENSALADAS E A FROITA

27/06/2023

Acaba de arrincar o verán, así que chegou o momento de acudir ao noso nutricionista de cabeceira, Víctor Vázquez, para pedirlle as súas recomendacións para alimentarnos durante estes meses de altas temperaturas e vacacións.

 

O responsable do gabinete de nutrición de MQA Navia teno claro: “No verán temos unha gran cantidade de froitas e verduras no seu mellor momento. Isto é unha gran noticia xa que non existe mellor `snack´ para levar á praia e comer entre horas que a froita”. E durante estes meses temos unha enorme variedade para elixir: Nectarina, paraguaios, sandía, pexego, plátano, cereixa, ameixa, amorodo, albaricoque…

 

E é que como sempre vos dicimos, o mellor é acudir aos alimentos de tempada, sempre que se poida. Por moitos motivos: Os produtos están no seu mellor momento, son máis saborosos; pero é que ademais tamén se beneficia o peto do usuario/a, xa que tamén é cando hai máis cantidade e, por tanto, resulta máis económico. E apostando sempre polos alimentos de tempada, axudamos a facer un mundo máis sostible.

 

Cal é a comida estrela no verán?  Víctor, e seguro que vós tamén, teno moi claro: “Para a nosa cociña diaria en casa as ensaladas son o prato estrela do verán. Nas ensaladas existe moita variedade para engadir ingredientes moi bos para a nosa saúde e ademais o tempo de preparación é relativamente curto. Os legumes como lentellas ou garavanzos podémolas facer en ensaladas acompañadas dalgunha proteína como o atún e verduras”. Nestes meses podemos elixir a cenoria ou a cabaciña que se atopan no seu mellor momento. Tamén brillan a remolacha, a xudía verde ou a pataca.

 

Sempre lle pedimos a Víctor algunha receita sinxela e con nutrientes e hoxe ímosvos a presentar un menú completo, con bebida, primeiro prato, segundo e sobremesa, aínda que poderedes utilizalo como queirades.

 

A bebida máis recomendable, non temos nin que dicírvolo porque o sabedes dabondo, é a auga, pero se queredes darlle unha graza extra, para estas comidas estivais familiares podemos preparar unha limoada. Si, unha limoada, pero seguindo os pasos que nos marca Víctor: “Pelamos os limóns, triturámolos e engadimos auga e algún edulcorante, como a Stevia. Así temos unha bebida moi refrescante, que encanta aos nenos/as e con toda a súa fibra”.

 

Para primeiro prato, un clásico: O gazpacho. Aquí temos a receita de Víctor: “Para elaborar un bo gazpacho caseiro necesitamos: 500 gramos de tomates maduros pelados, medio pemento verde, un dente de allo, medio cogombro pelado, unha cullerada sopeira de aceite de oliva virxe extra, catro culleradas de vinagre de viño e sal. Trituramos todo e deixámolo arrefriar”. Para chupar os dedos…

 

De segundo prato unha ensalada desas que gustan a todos pola súa rapidez na elaboración, a variedade de sabores e a alta achega de nutrientes (que ninguén pense que se vai a quedar con fame): A ensalada campeira. Simplemente necesitamos cocer patacas e ovos e elaborar unha ensalada engadíndolle leituga, tomate natural en toros, pemento vermello e verde, cebola e dúas latas de atún. Sinxela, rica e nutritiva!

 

E por se vos falta a sobremesa, imos con outra proposta sinxela e moi rica. Unha cunca de froita con yogurth! Poden ser uns amorodos, pero podedes elixir a vosa froita favorita, lavala, cortala e gozala!

 

Estas son as nosas propostas, pero se queredes profundar sobre o voso caso concreto, só tedes que acudir ao gabinete de nutrición de Máis que Auga Navia e explicarlle a Víctor vosa problemática. Seguro que atopades xuntos a fórmula adecuada ás túas necesidades. Esperámosvos!