NO VERÁN, CAMBIAMOS O MENÚ E APOSTAMOS POR COMIDAS LIXEIRAS, FRESCAS E APETECIBLES

16/06/2021
Chegou a calor antes que o verán e con estas temperaturas xa empezaron os cambios nos nosos hábitos. Saímos máis e ata máis tarde, estamos máis tempo ao aire libre, relaxamos as nosas rutinas e tamén cambia un pouco a nosa alimentación. Así que nos puxemos en contacto con nosa nutricionista Conchi Adrover para que nos dese unhas liñas de actuación para poder gozar do verán, pero á vez mantendo unha alimentación equilibrada.

 

Son consellos sinxelos, fáciles de seguir e que vos permitirá gozar do verán cunha comida rica, sa e apetecible.

 

Que pasa cando imos á praia ou ao monte ou de escapada todo o día? O fundamental, evitar os aperitivos comprados ( patatillas, froitos secos fritos…) e os refrescos azucrados. Hai outras opcións, cómodas e moito máis saudables. En bebidas podemos optar pola auga (o ideal é que vos levedes unha botella de auga conxelada que se irá descongelando ao longo do día e así sempre teredes auga fresca) ou por unha infusión xeada. Hai infusións moi ricas en frío que vos aliviará unha tarde calorosa cun sabor excepcional.

 

Para comer, temos dúas opcións. Que o que vos gusta é o bocadillo porque vos parece máis cómodo? non hai problema, pero temos que elixir ben os ingredientes. Primeiro, un pan integral de calidade e despois, o contido. Temos moitas variedades máis aló do friame: Pementos con atún, humus con queixo, tortilla francesa e tomate…

 

Que levades a comida nun táper? Pois aumentan as opcións. Que vos parece como menú para un sábado na praia, un gaspacho frío ou un salmorejo con tortilla ou cunhas sardinillas en conserva, ou unha ensalada de legumes….?

 

E de sobremesa ou para media tarde, o mellor é levar a froita pelada e cortada en tápers, xa que non pode ser máis apetecible nunha tarde calorosa, un pouco de froita fresca e limpa.

 

Que non nos deu tempo a cociñar antes de saír? Pois a verdade é que cada vez hai máis opcións sas nos supermercados para elixir, desde ensaladas completas, gaspachos, humus… Unha gran variedade se te fixas un pouco a ver o que che ofrecen, sen ter que acudir á comida procesada.

 

E se nos quedamos na casa? No verán, que nos pode apetecer máis que ensaladas variadas, con legumes ou verduras, ou salpicón, ensalada rusa, gaspachos…? É precisamente o que mellor senta cando a calor aperta e unha ensalada para nada ten que ser aburrida ou repetitiva. Dependendo dos ingredientes que utilices podes ter unha enorme variedade de menús, e todos eles moi apetecibles.

 

Consellos de Conchi. Son moi sensatos, pero ás veces é necesario que nolo digan. O mellor é non ter caixas de xeados en casa porque se os tes… cómelos. O ideal é que a sobremesa sexa froita, que no verán temos unha enorme variedade, e se pode ser, que estea lavada, limpa e preparada en tápers no frigorífico, de forma que non che dará preguiza e tanto maiores como adultos gozarano. Que vos apetece un xeado? Pois facemos un caseiro, que ademais pode ser un entretemento para os nenos/as. Como se fai? Non pode ser máis sinxelo. De entrada, se tes en casa unha bolsa de froita conxelada, o xeado é inmediato. O contido ao bol, con leite, yogurt, queixo fresco, unha bebida vexetal, leite de coco… Trituramos e listo para consumir e sen azucre adicional, xa que as froitas teñen moito azucre. Que non temos froita conxelada? Pois partimos a froita que queiramos engadir con calquera das opcións que vos demos antes, e ao conxelador unhas horas nun molde. Aos nenos encantaranlles e non pode ser unha sobremesa máis sa.

 

E cando saímos a tomar algo? É verán e por tanto, é habitual saír un pouco máis do normal. Pódese comer fóra de casa con comida e bebida sa, sen problema algún. E algún día, claro que podedes permitirvos un capricho, pero iso si, de forma esporádica. Con sentidiño… ninguén mellor que ti sabes o que podes e debes facer.