NO DÍA MUNDIAL DA POESÍA FALAMOS COA ESCRITORA ISABEL PORTO

21/03/2021

Hoxe 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía e parécenos un gran momento para lembrar a todas esas persoas que nos fan vibrar cos seus escritos, que son capaces de emocionar, de trasladarnos a outros lugares, de facernos voar a imaxinación…

 

E neste día dedicado á cultura e a escritura, nós quixemos falar con Isabel Porto Collazo, unha usuaria de  Máis que Auga, que acode cos seus nenos á piscina. Isa Porto, ademais de ser contacontos, hai pouco escribiu o seu primeiro conto para nenos, Estrelas de Manteiga, onde hai moita emoción e poesía en cada palabra. Neste libro trátase un tema complicado e de triste actualidade nestes momentos: Como afrontar a perda dun ser querido e faino dunha forma positiva lembrando que os que se van, seguen vivos nos nosos recordos e no noso corazón.

 

–             Sabemos que unha das túas paixóns é contar contos. Como xurdiu “Xanotas e  Leirotas»?

Xurdiu por mor dun curso sobre contacontos que fixen coa miña amiga Ana, ao que nos apuntamos porque era algo que nos gustaba moito. Falamos coa profe Bea Campos, contámoslle as nosas inquietudes e animounos a lanzarnos. Empezamos a facer contacontos en  Fun4us, unha tenda de xoguetes artesanais e educativos, que había en Coia. Ao principio custounos bastante porque ninguén nos coñecía, pero o boca a boca funcionou e de aí xa fomos por moitos sitios… Foi unha experiencia marabillosa, na que aprendín unha chea e paseino fenomenal. A partir de aí xa non puiden parar de contar contos, formarme e estar neste mundo que me encanta.

 

–             E seguimos con paixóns…. Colaborar con entidades benéficas. Cóntanos como se iniciou a túa relación con Bicos de Papel?

Foi por unha chamada que me fixo un gran amigo, Germán Tizón, que nos chamou para facer a presentación da gala de Bicos de Papel e a partir de aí xa comezamos a colaborar en todas as galas, a ir ao hospital para contar contos…

 

–             Precisamente por mor desta colaboración, anímaste a escribir o teu primeiro libro, Estrelas de Manteiga. Por que?

Coñecín e fíxenme moi amiga dunha familia, na que o pequeno estaba enfermo de cancro e tiña unha irmá maior. Ao coñecelos e empezar a tratar con eles, lembrei unha historia real que eu vivira. E levanteime un día pola mañá  e saíu o libro. Sempre llo dediquei a eles, porque grazas a coñecer ás familias de Bicos de Papel saíu esta historia que estaba aí, encerrada baixo chave, e eles foron os que me deron o  empurrón, sen sabelo, a decidirme a escribir.

 

–             Sen facer  spoiler, que nos podes adiantar de Estrelas de Manteiga?

É un libro que está publicado en galego e castelán. É unha historia real sobre Lena, unha nena de 9 anos, que vive nunha familia tranquila, con moito agarimo, rodeada de almorzos con torradas de manteiga, chocolate, risas, choros, enfados de irmáns… Un día Lena espértase e descobre que algo pasou, algo non bo, que fai que ese cheiro a manteiga e a cacao se convertera nun cheiro malo. Esta foi a metáfora que utilizamos no libro para explicar o cambio vivido. Nesta familia pasa algo que ela non entende porque ninguén lle explica por non facerlle dano. E no conto tratamos de explicar, dunha forma bonita e positiva, que as cousas pasan, desbástannos, temos que dixerilas, pasar o duelo, e comprender que cando unha persoa se vai, vaise o seu corpo, pero permanece en nós. Porque quedan os recordos, os sorrisos, os cheiros, e iso é o que fai que esas persoas sempre sigan vivas. A frase que resume o conto é: “Aquilo que máis queremos está no fondo do noso corazón, tan só temos que pechar os ollos e escoitalos rumorear”.

 

–             E neste último ano, tiveches máis colaboracións…

Ao iniciarme no mundo dos contacontos, comecei a formarme. Así, fun a Madrid a unha reunión con xente relacionada coa literatura infantil, onde coñecín a xente que xa dera moitos pasos. Ensináronme moitas cousas, aclaráronme dúbidas, fixen amizades… Por mor diso fixemos un grupo no que unha compañeira, unha ilustradora, Cristina, propúxonos facer un álbum ilustrado, no que en cada un de nós falase dun  trastorno ou dunha enfermidade.  Queriamos facer un libro de inclusión, para dar a coñecer a problemática destes nenos que padecen unha enfermidade ou unha patoloxía que lles dificulta o seu día a día. É un libro solidario, para FEDER (Federación Española de Enfermidades Raras) e que se fixo con  micromecenazgo. Ao final xuntámonos máis de 40 escritores e ilustradores de toda España e o libro chámase Miradas con Ás.

E con moitas destas persoas e outras novas, participamos nun proxecto, durante o confinamento, que se chamaba “Un día menos, un conto máis”. O que faciamos era que ou ben escribiamos sobre unha ilustración ou ao revés: enviabamos un texto e facíase unha ilustración sobre el. Cada día poñiamos un conto diferente para animar aos nenos ou non tan nenos a ter un  ratiño diferente. Por mor deste proxecto, que naceu en Instagram, creouse un proxecto solidario para a asociación Anxo da Garda, co obxectivo de recadar diñeiro para comprar carros de comida con produtos de primeira necesidade para as familias máis necesitadas a causa do  COVID. Así naceu, tamén por  micromecenazgo, o libro solidario O pequeno é grande, formado por historias de “Un día menos, un conto máis”, co que se conseguiu diñeiro para mercar 122 carros de comida para as familias máis necesitadas.

 

 

–             Que significa para ti escribir?

É unha maneira de dicir o que sinto, déixome ir, deixo que os meus pensamentos flúan nun papel. Significa expresar o máis profundo de min nun papel, e se iso pode chegar a alguén, fenomenal. Para min escribir é unha vía de escape, unha forma de viaxar onde quero sen moverme desde o sofá, de crecer persoal e emocionalmente, unha forma de expresarme, de dar  pasiños e crecer como persoa, unha forma de coñecerme. Escribir é unha parte de min que me fai ser mellor.

 

–             Hai novo proxecto á vista?

Hai algunha  cousiña por aí,  cousas que escribín, que espero que pronto vexan a luz. Pero agora mesmo, o meu proxecto fundamental é seguir formándome en literatura infantil. Acabo de facer cursos de narración e quero seguir traballando nese sentido, formándome como escritora e seguir contando contos.  Eu sempre digo aos meus alumnos que “o que algo quere, algo lle custa” e o meu proxecto é ese “crecer como persoa, seguir formándome e aos poucos seguir facendo  cousiñas”. Espero que a pandemia pase pronto e me deixe seguir contando contos e poder seguir facendo cousas cun sentido solidario, que é a que me enche por dentro. Neste primeiro ano, os dereitos de autor de Estrelas de Manteiga foron doados a  Bicos de Papel, e os seguintes anos irán a outras institucións similares, para axudar un pouquiño a outras persoas que o necesiten.