NO DÍA INTERNACIONAL DO TAEKWONDO IMOS COÑECER ESTE DEPORTE DA MÁN DE MARÍA BAUTISTA

04/09/2022

Hoxe 4 de setembro conmemórase o Día Internacional do Taekwondo, así que pensamos que é o momento idóneo para que coñezades as nosas clases de taekwondo, que son impartidas por María Bautista, que, ademais de practicante e adestradora, é xuíza internacional de taekwondo.

 

Así que falamos con ela neste día tan especial e explicounos que para ela o é aínda máis: “Para min é un día dobremente especial porque, por unha banda, marca, practicamente, o arranque da tempada en Máis que Auga e, por outro, hai un ano estaba en Tokyo arbitrando o debut do taekwondo nos Xogos Paralímpicos”.

 

Pois si, María Bautista é unha xuíza olímpica! Ela é a técnica responsable do taekwondo en MQA desde hai xa varios anos. En Máis que Auga, María imparte clases para os máis novos, aínda que os grupos están divididos por idades. Nos kids (de 4 a 7 anos) trabállase máis a través do xogo, mentres que nos júnior (a partir de 8), xa é un traballo máis específico de taekwondo.

 

E cales son os beneficios da práctica do taekwondo? Acudimos á profesional, que nos dá unha enorme lista de vantaxes para os practicantes. “No taekwondo combínanse as vantaxes do deporte coas da arte marcial, onde tentamos que os nosos alumnos adquiran tanto habilidades físicas como valores. Destacan o autocontrol, a confianza, o compañeirismo, a autoestima, desenvolvemento da autonomía, o respecto, a disciplina, a atención, o traballo en equipo, traballo de psicomotricidade, forza, elasticidade, reflexos, equilibrio, potencia, coordinación, lateralidade, técnica, etc…”

 

Outro dos atractivos destas clases é que os nenos comezan a competir. Así este ano, Máis que Auga participou con máis de 70 nenos e nenas no Torneo Vila de Cangas, o que foi unha tremenda experiencia para eles e para a súa técnica, que gozou como unha máis. Precisamente María ten un soño: “A miña ilusión sería que a algún dos meus alumnos chegáselle a pasar como a min, que empecei no taekwondo como un xogo e agora é unha forma de vida”.

 

Para iso, os nosos peques seguirán traballando e adestrando xunto a María nas súas clases, aprendendo a colocarse o peto e o casco, a facer as súas primeiras técnicas e a aprender que no taekwondo a perseveranza é un dos seus principios.