Neste encerro na casa, cociña tradicional e sa

26/03/2020

Nestes días de confinamento en casa, a comida convértese nun dos temas estrela. Encerrados pode chegar a ansiedade, comemos máis do que debemos e cousas que non nos conveñen. Pero temos a fortuna de contar con Conchi  Adrover, a  nutricionista de  Máis que  Auga, quen nos dá uns consellos prácticos para levar o mellor posible o peche en casa.

  1. Preparar un menú semanal. É algo moi sinxelo, pero axudarache á hora de facer a compra e de repartir os alimentos. Ao realizar o menú semanal, terás máis fácil realizar a compra e non encher o carro de produtos innecesarios e que ao final se estragan. Ademais, moitas veces coas sobras dun día podes facer comida para outros… É cuestión de organizarse!
  2. Escapar de ultraprocesados no carro da compra. Á hora de facer a compra, tenta obviar os alimentos ultraprocesados”, que son os peores para a saúde. Así que mellor aposta polos alimentos “de verdade” que che axudarán a ter unha alimentación mellor para ti e os teus.
  3. Composición dun menú saudable. Que debe incluír o noso menú semanal para que estea equilibrado? Debe contar con 1 ou 2 días nos que comamos legumes, 1 de carne vermella (é máis que suficiente), 1 ó 2 de carne branca e completamos o resto da semana con peixe e ovos, un pouco en función dos gustos dos integrantes da familia. E ademais, á hora de formar o teu prato diario, o ideal é que o dividamos en tres partes: A metade do prato será para as verduras, ¼ para calquera das proteínas que nos corresponda e o cuarto restante para grans integrais (fariña, pastas, arroz, patacas…)
  4. Que comer entre horas. É certo que ao ter máis horas mortas en casa, é maior a posibilidade de achegarnos ata a cociña para ver que podemos picar entre horas. O mellor neses casos é acudir á froita ou os froitos secos (pero que sexan naturais ou tostados).
  5. Rescata pratos tradicionais. É o momento de botar man das receitas da avoa e recuperar eses pratos que necesitan máis tempo e moito agarimo. Así que non o dubides, chama a mamá e pídelle ese prato da túa nenez que aínda lembras e que nunca podes facer por falta de tempo.
  6. Goza da cociña. É o momento. Non hai escusa. Podes poñerte ao choio e facer esas receitas que nunca te atreviches, ou inventar algún prato, ou cociñar cos pequenos da casa, seguir algún dos moitos directos que os cociñeiros deste país están a realizar durante o confinamento… É o momento de poñer moito amor en todo o que fagas e na cocina iso é imprescindible.

 

Todos estes consellos e moitos máis son os que Conchi  Adrover darache o vindeiro luns 30 de marzo (18:00 horas) no taller que ofrecerá a través de internet (non pode ser doutra maneira), no que dará ideas para organizar un menú do máis saudable. Iremos informando!