Nestas datas de Nadal, come de xeito saudable

21/12/2018

As comidas, as ceas, o mazapán, o turrón… O Nadal é unha época na que aumentan as xuntanzas arredor da mesa e tamén as calorías dos alimentos que consumimos eses días. Pero, sabías que podes comer dun xeito máis saudable sen prescindir do que máis che gusta? O servizo de nutrición de Máis que Auga ofrécenos unha serie de consellos para gozar ao máximo das festas sen descoidar a nosa saúde.

A nutricionista Conchi Adrover Pacheco subliña a importancia de vixiar as cantidades, os azucres e, en definitiva, os excesos típicos destas datas.

Non abusar das bebidas alcohólicas. “Son moitos días de festa e non é o mesmo un pouco de alcohol que o seu abuso”, sinala a nutricionista, quen lembra que “sen alcohol, tamén hai festa”.

Deixar os doces para os días sinalados. Adrover apunta que “non hai que esquecer que os doces de Nadal están cargados de azucre”, polo que a súa recomendación é “consumilos unicamente nos días sinalados”, como son a Noiteboa e o Nadal, Fin de Ano e Aninovo e o día de Reis.

Lembra o bo traballo que fixeches durante o ano. A dieta, pero tamén o exercicio físico mantidos ao longo do ano, son un logro para a nosa saúde. Por iso a nutricionista fai fincapé na necesidade de controlar ambas cousas durante as datas de Nadal: “non fagas que todos os días sexan un exceso”.

Desexámosvos unhas boas e saudables festas!