NECESITAS UN TRABALLO SUPERVISADO? PARA TI, O ADESTRAMENTO PERSOAL!

22/09/2021

Como está a ser a volta á rutina? Está a custarche volver aos hábitos saudables, ao ximnasio? Necesitas resultados e tes pouco tempo para adestrar? Non queres perder máis tempo? Posiblemente, o que necesites é un adestramento persoal, servizo que ofrecemos en  Máis que  Auga e sobre o que podes preguntar tanto na recepción dos centros como aos nosos técnicos/as.

 

Pero, en que consiste este servizo? Acudimos a un dos nosos técnicos, Andrés Viana, para que nolo explique. “O adestramento persoal é a forma máis eficaz de conseguir resultados de adestramento, ademais de ser o sistema que mellor se adapta ao teu tempo, xa que podes establecer xunto ao teu adestrador o horario que máis che conveña. Mesmo pode axudarche a cambiar os hábitos de vida”-

 

Os beneficios deste traballo baixo a supervisión dun adestrador persoal son múltiples. O primeiro, e máis evidente, é que consegues os teus obxectivos dunha maneira máis rápida e tamén máis segura; permíteche optimizar o tempo de adestramento, tes unha motivación e axuda constante, gozas de todos os espazos e materiais existentes…

 

E a quen vai dirixido? A realidade é que en Máis que  Auga temos unha enorme variedade nos clientes que acoden a este servizo específico. Desde xente que ten unha lesión e está no proceso de recuperación, a outros que se están preparando para un obxectivo concreto (unha oposición, unha proba deportiva), ou aqueles que queren mellorar o seu estado físico e dispoñen de pouco tempo ou os que queren adelgazar ou gañar en masa muscular. A variedade tamén se aprecia nas idades, xa que hai desde nenos a maiores e cada un co seu obxectivo concreto para o que se adapta o traballo.

 

Se estás interesado, non dubides consultar aos nosos técnicos/as de sala ou piscina ou ben podes achegarche á recepción do teu centro e preguntar por este servizo. O técnico poñerase en contacto contigo para coñecer cales son os teus obxectivos, a situación na que te atopas, dispoñibilidade horaria e marcar así o programa para desenvolver.

 

O adestramento pode ser de media hora ou unha hora, segundo decidan ambas as partes conxuntamente e durante este tempo, o monitor estará xunto ao usuario dirixindo a sesión de traballo. Ademais, o preparador tamén pode establecer “deberes” para casa, polo que a preparación non se limite ao tempo que permanezas no centro.