Natación elite, para cando queres máis

24/10/2019

Coñeces o curso de natación elite de Máis que Auga Navia? Xurdiu por unha petición que tiñamos de xente que necesitaba un plus no seu adestramento. Así nolo explica Alex Brea, técnico responsable deste curso: “Creouse para aqueles clientes aos que ás nosas clases dirixidas no nivel máis alto que tiñamos (máster) se lle quedaba un pouco curto a nivel de adestramento”. Non son usuarios/as que busquen aprender a nadar ou mellorar a súa técnica de nado, o que necesitan é mellorar o seu rendemento: “Está orientado principalmente a triatletas, nadadores de auga abertas, de travesías… xente que nada perfectamente, pero non sabe sacarlle o máximo partido a o seu adestramento”, indicou Alex. Así, trabállase un pouco a técnica (a nivel recordatorio), pero o groso da clase céntrase en mellorar o rendemento.

Un dos usuarios do curso de natación elite é o triatleta Borja Conejero, que comezou co obxectivo de “mellorar o meu nivel de natación, para saír mellor situado nos tríatlons e tamén mellorar cara as travesías que fago no verán”.

Actualmente Borja ten unha clase á semana, pola súa situación familiar: “Gustaríame ter dúas, pero actualmente non podo porque teño dous bebés (unha nena de case tres anos e outra de case un ano) e o tempo non da para máis”.

Borja explicounos en que consiste a clase: “Facemos quecemento e técnica, de 800 a 1.500 metros.  E despois series, con máis velocidade ou fondo, dependendo da época do ano”.

Así que se necesitas un plus de adestramento: natación elite.