Nadal Máis que Auga, para grandes e pequenos

10/12/2018

O Nadal xa está instalado en Máis que Auga dende hai varios días e, para que poidades gozar con nós destas datas ao cen por cen, traémosvos algunhas actividades que vos van encantar.

Como é sabido que os máis pequenos son os que viven con especial ilusión este periodo, a primeira proposta vai para eles. Trátase do Campus de Nadal, unha iniciativa para idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos que promete moita diversión e aprendizaxe durante as vacacións escolares. E tamén axuda aos pais e nais a xestionar mellor estes días de moito rebumbio.

Os cativos interesados en gozar do Nadal ao máximo, poderán acudir en horario de 9.30 a 13.30 horas ás instalacións de Máis que Auga Navia, onde temos preparadas para eles unha chea de actividades que realizaremos dende o 24 de decembro ata o 7 de xaneiro, excluíndo os días 25 de decembro e 1 de xaneiro por ser festivos.

Para pasalo en grande en Máis que Auga durante o Nadal, os nenos e nenas teñen dúas opcións: dende os 3 aos 6 anos poderán gozar do Campus Máis que peques (dende 85 euros), onde o pasarán en grande realizando todo tipo de actividades nas nosas instalacións adaptadas á súa medida. Os máis maiores, de 7 a 14 anos poderán gozar do Campus Deportivo Máis que Auga (dende 56 euros), no que o deporte será o grande protagonista.

Se o que precisades é un horario máis extenso, non hai problema. Podedes engadir o suplemento de Madrugadoiro (de 8.00 a 9.30 horas) e tamén o de horario ampliado (de 13.30 a 15.00h), que se engadirá ao prezo do Campus. Agardamos a vosa inscrición nas instalacións de Navia.

Aínda que en Máis que Auga pensamos moito nos pequenos da casa, non deixamos atrás aos adultos. Por iso, para vós temos unha cita moi especial o vindeiro 15 de decembro. Trátase da primeira edición do Torneo Social de Pádel Nadal Bodegas Eidosela, que se celebrará nas pistas de Máis que Auga Navia.

E, se pensades que isto é todo, estades moi enganados. Como o Nadal é época de celebración, de agasallos e alegría, só por participar no torneo levaredes para a casa un obsequio co que non vos ides resistir a brindar cos vosos seres queridos. Xa o adiviñastes?

Para participar só é preciso realizar a inscrición nesta ligazón e botarlle moita ilusión. E, se non tendes parella de xogo, non pasa nada. Podedes inscribirvos de xeito individual aquí, e nós atoparémosvos unha. O prezo por inscrición é de 12 euros para abonados e de 15 para alumnos e participantes nas actividades de pádel. Bulide! Tendes ata o 12 de decembro para anotarvos!