Na Semana de Pais e Nais, orgullo e alegría a partes iguais

12/12/2019

Sen dúbida, non é un día máis. Os pequenos chegan emocionados e un pouco nerviosos, sobre todo aqueles que o viven por primeira vez, xa que hoxe algún familiar (papa, mamá, avós…) poderá acompañarlle na piscina. E aos maiores cáeselles “ a baba” ao ver como evolucionaron os seus fillos en tres meses de clases.

 

Máis que  Auga celebra a Semana de País e  Nais nas escolas de natación unha vez ao trimestre. En cada unha desas semanas especiais hai unha temática diferente elixida polos técnicos, pero en decembro, imposible elixir: O Nadal manda!  Así os nosos técnicos adornan a piscina como corresponde, soa panxoliñas durante as clases e o persoal loce, con  garbo, o gorro de Papa Noel. Para estes días, os nosos técnicos preparan exercicios específicos para que adultos e menores gocen ao máximo desa xornada tan especial. Un adulto por neno pode meterse na piscina con el, mentres que outro pode estar alí, facendo fotos ou observando a evolución do neno. Ademais nesta xornada, os nosos técnicos están ao dispor dos pais para explicarlles os obxectivos marcados, a evolución dos nenos… Sen dúbida unha clase moi especial para todos.

 

Beatriz González é unha das nais que acudiu a esta cita no  Máis que Auga de Coia. Ela acompañaba ao seu fillo  Anxo, de cinco anos, ao que vimos crecer na nosa instalación xa que chegou con seis meses. Beatriz gozou ao ver como o pasaba o seu fillo nas clases, que se lanzaba sen medo algún desde os colchóns. “Sempre veu moi contento ás clases e seguirá mentres queira, porque eu creo que é positivo para el”. Beatriz recoñece que non sabe a quen lle fai máis ilusión a semana de portas abertas, se aos pais ou aos pequenos.

 

Ana Rosa Vieira é unha novísima avoa que neste caso acompañaba á súa neta Daniela de tres anos, entre clase de pilates e de zumba, porque é unha usuaria moi activa de Máis que Auga. Ana Rosa tamén destacou o contenta que vén a pequena a clase e “a gran evolución que tivo”. Jesús Jandra -un gran nadador no seu tempo cóntanos- non se quixo perder a oportunidade de estar co seu fillo Jacob de oito anos. Destas xornadas de portas aberta destaca, ademais da posibilidade de compartir xogos cos nenos, o feito de que “podes comunicarte cos técnicos, eles vanche contando como é a evolución e o que van seguir facendo nos próximos meses”.  Jacob xa leva varios anos acudindo ás clases de Máis que Auga e a mellora neste tempo foi espectacular.

 

Daniel, de oito anos, é o fillo de Marta Domínguez, quen asegura que estas xornadas “son xeniais, xa que nos permiten ver como evolucionan, falar cos monitores… A eles failles ilusión e a nós máis”.

 

Mais que Auga conta actualmente con case 4.000 usuarios dos cursos de natación para nenos/as (de 6 meses a 16 anos), nunha das actividades con máis demanda nos nosos centros. Son oito os niveis existentes e  despois de bebés (de 0 a 3 anos), o resto dos niveis teñen como nome un animal mariño (miñoca, tartaruga, calamar, xurelo, cachalote, golfiño e escualo).