Moita incerteza na volta ao traballo dos deportistas MQA

26/07/2020

Os deportistas  Máis que  Auga regresaron ao traballo con moitas ganas despois do confinamento, pero cheos de incerteza ante a falta de información en moitos dos casos.  Algúns como Nacho Vilariño, Roi Rodríguez ou Antonio  Serrat si teñen marcadas probas no seu calendario, pero outros como  Ester Navarrete ou Chano Rodríguez teñen todo suspendido á espera de noticias, mentres que  Aroa  Sío ve como as carreiras aparecen e desaparecen no calendario. E así, con moitas dubidas pero sen perder o optimismo, seguen cos seus adestramentos, tentando recuperar o nivel óptimo.

 

O pádel é un dos deportes que antes renovou as competicións. Nacho Vilariño reapareceu esta fin de semana no primeiro torneo federado que se disputa en Galicia tras o confinamento, o V Torneo Abanca- ASM na Coruña. Para a súa posta a punto, Nacho estivo traballando nas instalacións de  Máis que  Auga e xogou algúns partidos con amigos, pero non puido facer a mellor preparación xa que o tiña que compaxinar cos seus estudos. Iso si, recoñece que “teño moitas ganas de volver xogar, tanto tempo despois”. Comezou a competición en oitavos de final o venres, con  Antonio González como parella, e gañaron en dous sets (6/3, 6/2) a Daniel Granda e Hugo Suárez. O sábado venceron en cuartos a Felipe Serrano-Fernando  Clavario en dous sets e clasificáronse para a final tras superar á parella Ignacio Otero-Pablo  Valín, nun partido que se lles complicou no primeiro set, pero que remontaron para terminar gañando (6/7, 6/2, 6/3). E a final, un paseo! Impuxéronse en dous sets a Francisco González-Borja López (6/1, 6/4). Boa forma de volver ás competicións para Nacho Vilariño!

 

Antonio  Serrat, desde que se abriron os centros Máis que  Auga, regresou á auga, que era o que máis botaba de menos. “Agora estou a adestrar en Vigo e con total normalidade desde que se abriu a piscina en Máis que  Auga. Onde máis me custou recuperar as sensacións foi na auga, porque foron 2 meses sen nadar e notouse. Pero aos poucos vou recuperando sensacións”. Con respecto á carreira e a bicicleta, aínda que nunca deixou de facer cinta e rodete en casa durante o confinamento, “si que notei a diferenza, a verdade é que as sensacións son outras, pero agora xa estou adaptado”. A maior parte dos adestramentos está a facelos só, pero cando pode incorpórase a grupos de atletas e ciclistas de Vigo.

 

 

Serrat é dos privilexiados, xa que en tríatlon a competición está permitida polas autoridades sanitarias. Así, ten probas á vista. A súa idea inicial é correr o 8 de agosto o  Cidade de Ferrol, pero as inscricións enchéronse en horas e de entrada está en lista de espera. Iso si, foi convocado para o Campionato de Europa, que se celebrará o 28 de agosto en  Tartu (Estonia), polo que, se non xorden problemas, alí estará.

 

Nunha situación similar atópase Roi Rodríguez, que actualmente está a adestrar en Castrelo de Miño, co seu compañeiro de  K2, Albert   Martí, co que pasou o confinamento en Tomiño. Durante eses meses pechados na casa, non deixaron de adestrar, pero “si é certo que aínda que estivemos a facer deporte en casa, faltábanos a piragua e si que ao principio, notábase. Ademais, a nivel mental é complicado arrincar a adestrar sen obxectivos á vista”. Sobre todo porque é imposible programar o traballo para alcanzar picos de forma en momentos concretos da tempada. Coa pandemia polo COVID-19 suspendéronse os selectivos para  Tokyo, que tamén se atrasou un ano, polo que agora comezan a reorganizar o calendario. “Enviáronnos un borrador de calendario, que se se confirma, empezamos xa, en nada. En setembro teriamos un selectivo e unha Copa do Mundo e en outubro, o Campionato de Europa, así que temos que comezar a traballar duro”.

 

Aroa  Sío, a nosa especialista en  Trail, aínda que non tivo competicións, buscouse os seus propios retos. “Durante o confinamento non tiña cinta para correr e o que fixemos foi preparar na leira un circuíto de 400 metros cun desnivel de 40 metros, pero non nos permitía coller moita velocidade. Así que aproveitei para traballar a forza”, explicou. Ao comezar a saír confirmouse o que pensaba “tiña moita forza, pero faltábame velocidade, polo que me puxen a iso”. Pasaban as semanas e Aroa foi recuperando sensacións pero, ante a falta de competición, “marqueime o obxectivo de facer o camiño de Santiago. Nun principio quería facelo desde Oviedo, pero cando comecei a planificalo, aínda non se podía saír da comunidade, así que ao final fíxeno desde o Porto do Acebo (no límite con Asturias). Fixen 4 maratóns en 4 días consecutivos e as sensacións foron moi boas. O obxectivo non era bater marcas, que creo que nin existen, senón gozar da paisaxe e a meter volume de traballo”. Buscaba ter bo fondo para facer unha ultra internacional que estaba prevista para outubro (xa se tiña que disputar en maio), pero volveu suspendeuse. Así que, a pesar de que ten varias carreiras en mente, agora a incerteza domina a situación, polo que hai que estar pendente do calendario e os anuncios. O que ten claro  Aroa é que, “se se anulan as carreiras, vou marcar un reto e estou a barallar dar unha volta circular a todos os montes de Vigo, que son 14 e será un circuíto duns 70 quilómetros”. Parada non vai estar!

 

Máis complicadas están as cousas para a atleta Ester Navarrete e o nadador paralímpico Chano Rodríguez, que polo momento non teñen máis horizonte que o de adestrar sen competicións á vista. Chano exercítase na piscina de Máis que Auga Navia xunto ao seu adestrador Alex Brea, pero sen saber datas de competición, o cal dificulta o traballo. En principio pensa que terán unha concentración coa selección en Sierra Nevada no mes de setembro e estes días recibiu unha notificación da Federación na que se calendariza o Campionato de España para o mes de decembro (12 e 13) en Oviedo.

 

En situación similar está  Ester Navarrete, quen recoñece que “regresei con moitas ganas aínda que con incerteza ao non ver ningunha competición fixada”. A viguesa está a adestrar polo parque, a estrada e algo de pista soa ou acompañada polo seu marido e, ante a falta de confirmacións, decidiu planificar o seu traballo pensando xa na próxima tempada: “Acaba de saír un pequeno calendario dependendo de como vaia a epidemia, pero esta semana decidín centrarme na tempada que vén”, explicounos.