Miriela, Mercedes, Chus e Sara, catro das nosas heroínas

10/04/2020

Nesta situación de alarma, moitos, a maioría, témonos que quedar na casa, pero para iso, outros moitos están a traballar para abastecernos, coidarnos e que non nos falte nada.  E entre eses moitos que están ao pé do canón, temos a moitos usuarios e usuarias de  Máis que  Auga. Hoxe ímosvos presentar a catro das nosas heroínas. Elas son  Miriela Cristina  Hechevarria (médica), Mercedes Rodríguez (farmacéutica), Chus Sánchez (enfermeira) e Sara Asensio (traballadora de  súper).

 

Miriela Cristina  Hechevarria é pediatra no centro de saúde da rúa Cuba, pero nestes intres todo cambia: “Estamos directamente na contención, principalmente a través do teléfono, pero claro, atendendo aos que se presentan no centro. Ademais, estamos a facer seguimento de afectados, de forma telefónica, para evitar a saturación do Álvaro Cunqueiro”.

 

Para  Miriela está a ser complicado compaxinar esta situación coa súa vida persoal. “O meu marido é asmático, os meus pais son maiores xa, operados os dous do corazón, e levar este virus para casa sería fatal para eles. De feito, mantéñome illada. Estamos nunha casa e temos a posibilidade de repartirnos por plantas; pero de resultar infectada, non me quedaría máis remedio que abandonar o meu fogar”.

 

Sen dúbida, para a nosa doutora o mellor é a resposta da cidadanía e recoñece que os aplausos das oito, son moi especiais para ela: “Síntome moi agradecida. Ás veces falas con familias que están a pasar por situacións moi dramáticas e a pesar dos seus problemas, sempre teñen un momento para preguntarche por ti, darche ánimos e desexarche o mellor. Eu traballo no centro de Vigo, e cando chegan os aplausos desde os balcóns, chéganme á alma”.

 

Unha das preocupacións da sociedade é a falta de recursos para a xente que está a traballar, especialmente os sanitarios. Xusto cando falamos con ela, acababa de usar a última máscara que tiña no centro, polo que, evidentemente, é unha necesidade imperiosa para poder realizar o seu traballo. Iso si, quixo agradecer o esforzo que están a realizar tanto a nivel persoal, como pequenas empresas que lles fan chegar material ata o centro de saúde.

 

E dunha doutora a unha enfermeira. Chus Sánchez, usuaria de  Coia, que leva en Urxencias do Álvaro Cunqueiro desde a súa apertura, explica que traballar cos equipos de protección é complicado: “A adaptación é dura, sobre todo os primeiros días pois debemos adaptarnos a traballar cos equipos de protección que adoitan ser incómodos, déixannos marcas, sobre todo as máscaras, lentes e pantallas na cara. Por non falar das consecuencias físicas de levar durante 7 ou 10 horas o  EPI. Tamén convivimos co medo para contaxiarnos nós ou os nosos familiares cando volvemos a casa”.

 

Nesta situación de emerxencia, o persoal hospitalario rota a atención a pacientes  COVID cos seus postos habituais, e Chus destaca tamén o aspecto emocional deste virus, xa que os enfermos van sen acompañantes: “Os pacientes que ingresan como posibles  Covid deben entrar sós, sen familiares que lles poidan acompañar mentres esperan os resultados durante moitas horas. O que engade unha carga emocional á física”

 

Chus tamén destaca o agarimo da xente, “cos aplausos diarios ás oito, e as doazóns de material sanitario ou de alimentos, para facer as quendas máis levadías. Nunha situación como esta, dáste conta da xenerosidade e solidariedade das persoas”.

 

Nos primeiros días o material escaseaba, polo que “algúns chegamos a comprarnos o noso propio material de protección moito antes, pois non se sabía como ía evolucionar todo isto”. Agora, as cousas melloraron e apréciase “unha mellor organización co establecemento da zona específica de  Covid. Ao principio da quenda nesa zona dásenos todo o material necesario, incluíndo lentes e pantallas. Dentro do malo estamos protexidos que non exentos de contaxio”. E non quixo acabar, sen destacar “o gran esforzo e compañeirismo do persoal de urxencias, que fan máis levadías as quendas”.

 

As farmacias e os supermercados son algúns dos establecementos máis visitados, sobre todo nos primeiros días, nos que se apreciou unha certa tolemia, ante unha situación descoñecida para todos. Así, explícanolo Mercedes Rodríguez, farmacéutica en Navia desde fai xa case 8 anos: “As semanas anteriores á declaración do estado de alarma foi un pouco caótico. A xente saíu á rúa para comprar con medo e tivemos moita saturación. Eu creo que foi un gran foco de contaminación tanto aquí como en supermercados, grandes superficies… Desde o estado de alarma, relaxouse un pouco.  Desde o Colexio de Farmacéuticos indicáronnos unhas normas (limitar o acceso, como traballar co público…), que fomos implementando e que ían crecendo cada semana”.

Mercedes insistiu en que a medida fundamental para protexernos deste virus é a limpeza: “as máscaras e luvas dan unha sensación de seguridade que non é real se non se cumpre coas normas de hixiene e limpeza necesarias”. A xente, en xeral, reacciona de forma positiva, cando se lle explican estas medidas e “parece que agora valoran máis os nosos consellos e o noso traballo”.

 

Mercedes ten dous nenos (un de 10 e outro de 6 anos), que se están portando dunha forma incrible: “son outros heroes… Non se queixaron en ningún momento e entenden que están mellor en casa. Botan de menos aos seus amigos, pero en casa están bastante ben”. A nosa socia, cando chega a casa do traballo vaise directa á ducha para tentar controlar riscos, aínda que sabe que “podes estar contaxiada e ser asintomática, pero tampouco podes vivir con medo”.

 

Na farmacia faltan algúns produtos como “o alcol, que é necesario para outras cousas como para os bebés, e non nos dan resposta de cando nos van a abastecer… E coas máscaras pásanos o mesmo, aínda que parece que no caso das máscaras van comezar a chegar en breve”.

 

Sara Asensio traballa nun  súper na zona de Navia e recoñece que está a ser moi complicado. Por iso pide á xente que compre con cabeza, que teña paciencia e respecto: “Hai xente que non entende que é unha situación excepcional, que non decidimos nós e que hai que cumprir unhas normas de seguridade por todos”. Fronte aos que non colaboran están os outros, “os que nos traen biscoitos e café en termos para que se nos faga o traballo máis levadío”.

Sara explicou que as xornadas de traballo están a resultar moi  estresantes e esgotadoras. “Temos o mesmo horario de antes, aínda que pechamos cara ao público antes para desinfectar. Ademais, agora comezan a caer compañeiros enfermos (por coroa virus ou outras cousas) e cada vez somos menos e iso nótase”. A nosa socia insiste en que se faga a compra con cabeza “porque está a funcionar todo practicamente normal. Falta algún produto, como os desinfectantes, que nos chegan a conta pingas, pero recibimos material todos os días e non hai problemas de desabastecemento”. E tamén lle pide á xente que entenda que debe tentar saír o menos posible á rúa, “hai persoas que veñen todos os días ou mesmo varias veces ao día e non se dan conta de que é malo para eles e para o resto”.

O que máis lle preocupa a Sara é poder contaxiar á familia, “é o peor. A preocupación de saír á rúa sen saber o que che podes traer para casa, pero tomamos todas as proteccións posibles, para reducir os riscos ao mínimo”.

 

E que é o que máis botas de menos? “A tranquilidade. O saber que vou ir a traballar sen levantarme con ansiedade… O non poder atender á xente como antes, non ver nenos no supermercado, que sempre ris coas súas ocorrencias… Agora mesmo só se ve tristeza, un ambiente deprimido. Bótanse en falta xestos do día a día que todos faciamos e que non valoras ata que suceden cousas así”.