MEUFIT, MÁIS DE 2.000 METROS CADRADOS PARA O DEPORTE E A SAÚDE NO CENTRO COMERCIAL VIALIA

22/04/2021

Xa é unha realidade. MeuFit será o club  deportivo  de cabeceira do Centro Comercial Vialia de Vigo, tal e como quedou asinado esta mesma semana. Máis que Auga, empresa á que pertence MeuFit, e CEETRUS URBAN PLAYER SPAIN, S.A., empresa que se adica á construción e explotación do Centro Comercial Vialia,  asinaron o contrato de explotación do centro deportivo para os vindeiros 15 anos.

O centro MeuFit de Vialia ofrecerá unha experiencia única e diferente aos seus usuarios/as. Nun entorno cun deseño urbano e moderno, coa última tecnoloxía para mellorar a experiencia dixital dos socios e acompañado polo trato personalizado do equipo técnico, MeuFit sorprenderá aos seus usuarios dende o momento no que poñan o pe no ximnasio. Son máis de 2.000 metros cadrados, nos que haberá unha enorme sala fitness (1.000m2) e varios estudos de actividades colectivas, ademais de zonas especializadas boutique e boot-camp, o que permite ofrecer unha variedade de alternativas de adestramento e ocio deportivo para diferentes perfís de usuarios,  contando tamén con servizo de fisioterapia e nutrición que permitirá un asesoramento personalizado global atendendo aos obxectivos de cada cliente.  En resumo, un club moderno, urbano, tecnolóxico, divertido e diferente.

 

E todo isto co aval da experiencia  de Máis que Auga no sector do deporte en Vigo. No ano 2019, Máis que Auga desenvolveu un novo modelo de ximnasio de cercanía orientado a poboacións galegas de menos de 40.000 habitantes e agora emprende un novo proxecto: Un club deportivo ubicado no centro comercial Vialia, no casco urbano de Vigo, cun horario de atención moi amplo, de 6h a 24h, e dúas horas de parking gratuíto para os seus clientes. Nesta nova experiencia MeuFit irá sempre da man de Máis que Auga, de forma que os socios/as deste novo club terán a súa dispoñibilidade o resto das instalacións do grupo.