MELINA TAPIAS: “AQUÍ SÍNTOME TRANQUILA E CONTENTA”

07/08/2020

A seguridade é unha das nosas prioridades nestes momentos de incerteza provocada pola COVID-19. Por iso, desde Máis que Auga insistimos moito en que se cumpran os protocolos de actuación, en beneficio de todos. Sabemos o que fixemos, pero queremos coñecer as vosas opinións e sensacións, cando xa pasou máis dun mes da reapertura.

 

Como ben sabedes, pedímosvos a vosa colaboración para que as medidas implementadas sexan efectivas. Lembrade que é obrigatorio o uso de máscaras na instalación en todos os desprazamentos e zonas comúns, polo que é necesario que entredes con ela posta e que procedades a limpeza de mans co xel hidroalcohólico disposto na entrada, así como a limpeza dos zapatos nas alfombras desinfectantes.

 

Por favor, debedes seguir os sentidos das frechas dispostas no chan, que teñen como obxectivo prioritario evitar os cruces entre persoas e sempre que vos movades de aparello non esquezades limpalo co desinfectante que está distribuído por toda a instalación en varios puntos para que estea en perfectas condicións para o próximo usuario. Sabedes que unha vez esteades situados na máquina, podedes retirala para facer deporte, xa que entre aparellos hai sempre dous metros de separación ou, no caso de que iso non sexa posible, biombos de separación.

 

Se acudides a un curso de seco, lembrade que antes de entrar debedes  desinfectar as mans e unha vez situados nos puntos marcados (coa separación necesaria entre eles), poderedes retirar a máscara para a práctica deportiva. Ao finalizar, volvemos pedir a vosa colaboración na limpeza do material deportivo utilizado. E ao remate da clase, procederemos á limpeza do chan con material desinfectante.

 

Melina Tapias, na sala Máis + de Navia.

En liñas xerais, estas son as principais medidas de prevención dispostas nas nosas instalacións. Ademais, creamos as salas Máis +, para persoas vulnerables, onde instalamos un pequeno ximnasio para que poidades realizar os vosos exercicios nunha sala moi ampla e con pouca xente. Alí, no centro de Navia, atopámonos a Melina Tapias, quen asegurou que “aquí, nesta sala, síntome moi segura. Eu teño 70 e pico anos e debo ter coidado, pero aquí estou tranquila e contenta. Antes ía a zumba, pero de momento non me atrevo. Ademais, tamén vou á piscina 2 ou 3 días á semana”.

 

Melina, socia de  Máis que  Auga desde antes de que abrise as súas portas  Coia, recoñece que o pasou moi mal no confinamento –“a miña salvación foi o teléfono” – e que lle custou vir porque “me daba un pouco de medo, pero botábao moito de menos, así que me acheguei un día, explicáronme como funcionaba todo e aquí estou, moi tranquila”.

 

Vanesa é socia de  Máis que Auga Navia desde hai uns tres anos. É das poucas persoas que asegura pasar ben confinamento: “Facía exercicio en casa, ioga, quebracabezas, teletraballo… Así que tampouco tiven tempo de aburrirme”. Regresou ao ximnasio hai só uns días e está contenta co que ve no centro, pero lembra que é necesaria a cooperación de todos. “En xeral as medidas parécenme suficientes, pero nisto somos todos importantes. Nós témonos que comprometer a cumprir as normas, porque a prevención é fundamental”.

Cristina Valado, en Máis que Auga Navia.

Cristina  Valado tamén xa leva varios anos como abonada en  MQA Navia. Viviu o confinamento dunha forma diferente ao resto, “xa que traballo no hospital”, e aínda que non podía vir a MQA, tentou seguir en casa “as clases que nos ofreciades por internet”. Asegura que sente segura: “Establecéronse os protocolos correctos e eu estou tranquila”. O único que lle preocupan son os rebrotes, sobre todo polo seu traballo, que sería o que lle podería obrigar a quedarse na casa, pero ten unha mensaxe clara para todos: “O deporte hai que facelo sempre. O corpo necesítao”.

 

Pablo López, en MQA Barreiro.

En  Máis que  Auga Barreiro atopámonos a Juan Estévez, que xa leva uns oito anos como socio. Vén ao centro tres ou catro veces á semana, polo que lle custou renunciar a facer deporte durante case tres meses. Cre que a empresa puxo as medidas necesarias en materia de seguridade: “Está todo moi organizado e a xente, en liñas xerais, colabora en todo”. É rotundo cando asegura que sente seguro en MQA, porque ”senón, non viría”.

 

 

Merchi Nogueira, é outra das veteranas de MQA Barreiro. Explicounos que levou fatal o confinamento, a pesar de que foi seguindo algunhas das clases que estaban na web, pero “non é o mesmo, en casa te aburres”. Acode ás instalacións sempre que o traballo llo permite e regresou ao centro tan pronto volveu abrir as portas. “Para min as medidas son perfectas e non teño medo. Estou aquí desde o primeiro día e síntome moi segura”, concluíu.

 

Neste mesmo sentido expresouse Pablo López, socio desde hai un ano aproximadamente. Traballou durante o confinamento, polo que o peche foi relativo, aínda que si botaba de menos as súas visitas ao ximnasio (2 ou 3 veces á semana). Así que, volveu inmediatamente e recoñece que “sen dúbida, síntome seguro coas medidas implementadas”.