MÁSTER ONE REPITE TRIUNFO E RÉCORD NO 100X100 SUBSTITUCIÓNS POR EQUIPOS

26/02/2024

Master One non se cansa de gañar e de bater récords! No 100×100 substitucións por equipos, que se celebrou este sábado 24 de febreiro en Máis que Auga Navia, venceu, tal e como fixera o pasado ano, e logrou rebaixar en algo máis de 2 minutos e medio o mellor tempo de todas as edicións desta competición, cunha marca de 2 horas, 5 minutos e 38 segundos.

 

Pero, imos por partes! o 100×100 de substitucións por equipos celebrouse este sábado na piscina de Navia coa participación de 10 equipos. Como cada ano, ambientazo, risas, bromas, piques e sobre todo, competición.

 

O 100×100 é unha proba de substitucións por equipos (de 8 a 10 integrantes, dos cales polo menos dous son mulleres). A principal novidade da edición deste ano era que cada equipo podía propoñer a súa propia estratexia e decidir como se repartían as substitucións, iso si, todos os participantes tiñan realizar 1.000 metros e as series serían de 100.

 

Un ano máis, Master One (formado por nadadores de Máis que Auga e do Rías) demostrou que toma moi en serio esta competición e que se prepara a conciencia, con ese segundo triunfo consecutivo e pulverizando a marca anterior. A segunda posición foi para Trinorth (2:13:37) e o terceiro clasificado, Tonte-Rías (2:17:12).

 

Premios

E por suposto houbo entrega de premios! O primeiro clasificado recibiu, ademais do seu trofeo, unha mensualidade gratis en MQA para os integrantes do equipo que sexan socios, mentres que os non abonados terán a posibilidade de facerse socios con matrícula gratis. O segundo clasificado tamén recibiu o seu trofeo, así como, durante un mes, un curso de natación gratis de dous días á semana (tanto para socios como non socios), mentres que os terceiros levaron un trofeo e un curso de natación gratis durante un mes dun día á semana.

 

Pero que foi o mellor da tarde? A merenda! Ao acabar todos xuntos quedamos para comer algo mentres falamos, rimos, picámonos para o próximo ano e intercambiamos opinións sobre calquera cousa.

 

Desde Máis que Auga queremos dar as grazas a todas e todos os participantes por facernos gozar da vosa paixón pola natación. Non nos queda máis remedio que poñernos a traballar xa na próxima edición e esperamos que vós tamén o fagades. Vémonos na piscina!