A MÁSCARA, OBRIGATORIA DURANTE A PRÁCTICA DEPORTIVA

10/09/2020

O Diario Oficial de Galicia publicou unha modificación na Orde de medidas de prevención para facer fronte a crise sanitaria provocada pola COVID-19, pola que as máscaras pasan a ser obrigatorias durante a práctica deportiva nos ximnasios. Así, dende hoxe en Máis que Auga a máscara será a nosa compañeira en todo momento, salvo na ducha, cando accedas á lámina de auga ou cando practiques pádel. So quedarán excluídas desta norma as persoas que conten co informe médico preceptivo ou os menores de 6 anos, tal e como aparece establecido na normativa vixente. Ademais, decidimos limitar a sauna e o baño de vapor a un uso individual, polo que tamén poderedes utilizalos sen esa protección.

 

A realidade é que moitos dos nosos usuarios xa estaban a utilizar a máscara mentres facían deporte, pero a partir de agora será obrigatorio. Iso que significa? Pois que aumenta a seguridade aínda máis e que non podemos descoidarnos con respecto ao resto das medidas, como limpar as mans con xel hidroalcohólico ao entrar na instalación e con certa frecuencia durante o tempo que esteades en Máis que Auga, e desinfectar o material que utilicedes para facer deporte antes e despois do uso. Todas estas accións teñen o obxectivo prioritario de protexerte a ti e a todas e todos, polo que necesitamos que colaboredes con nós nesta tarefa. Máis que Auga continuará tomando todas as medidas de prevención necesarias, en materia de limpeza e ventilación das instalacións, así como a disposición de material de desinfección en numerosos puntos de cada centro. Todo isto cun obxectivo prioritario: que esteades seguros e protexidos durante a vosa estancia en Máis que Auga.

 

Se comezas a facer deporte coa máscara, podes ter dúbidas ou sentirte incómodo. Recorda que as e os nosos técnicos/as están aí para aconsellarte sobre os pasos a realizar e se necesitas cambiar a programación do traballo, so tes que consultarlles. Ademais o noso persoal xa estaba traballando na adaptación das clases daquelas actividades máis intensas (bike, bodycombat, etc), polo que mantemos a programación ao completo.

 

Agora máis que nunca, recorda o importante que é seguir activo para reforzar o sistema inmunolóxico e estar fortes! A saúde é o primeiro e precisamente por iso temos que escapar do sedentarismo.

 

Esperámosvos en Máis que Auga para seguir facendo aquelo que nos gusta, nos divirte e nos fai máis fortes!

 

#ContadeConNós porque #ContamosConVós