Martina Sande, unha estrela con luz propia

09/02/2020

Martina Sande, socia de  Máis que Auga Navia, é unha das nosas pequenas estrelas. E o é non polos seus resultados, que son moi bos, senón pola súa constancia no traballo e o seu afán de superación e mellora.

 

Martina, que leva case xa tres anos adestrando con Alex Brea, logrou hai un par de semanas a medalla de prata (categoría alevín) no Campionato de España  AXA de promesas paralímpicas, que se celebrou en  Valdemoro (Madrid). Cos seus once anos,  Martina non para nin un momento. Ademais da natación en  Máis que Auga, tamén adestra co Amfiv de baloncesto en cadeira de rodas, acode ao  IFIT  Center en Coruxo, da Fundación Isidre Estévez, cursa sexto de Primaria con grandes resultados e aínda atopa tempo para outra das súas paixóns, o debuxo: “Encántalle o manga, e a nós parécenos unha boa combinación, para que non todo sexa deporte e estudos”, explica o seu pai Víctor Sande, quen nos conta a historia de  Martina.

 

Martina comezou a súa relación coa auga case desde que naceu. Aos tres meses xa estaba con hidroterapia como parte do seu tratamento, xa que lle diagnosticaron  artrogriposis conxénita. “Aos seis meses, pasamos á piscina e cando abriu  Máis que Auga Navia, viñémonos para aquí, porque nos queda moi preto de casa e conta cunhas instalacións magníficas”, manifestou Víctor. E así, coñeceron a Alex Brea, adestrador de Chano Rodríguez, e tras unha charla con el, comezaron as súas clases personalizadas, que permitiron a  Martina ir mellorando de forma substancial e proba diso é o subcampionato de España conseguido hai un par de semanas.  Martina di que “mo pasei moi ben no campionato”, porque o que máis lle gusta é a competición, xa que o adestramento se lle fai máis  monótono. En Madrid coñeceu a xente nova e mesmo se reencontrou con algunhas amigas que xa coñecera o pasado ano, cando acudiu ao Campionato de España por primeira vez.

 

A pesar de todo, Martina asegura que lle gusta máis o baloncesto en cadeira de rodas, e o seu obxectivo é poder competir no futuro co Amfiv. A finais de 2019 foi convocada a unha concentración nacional de tecnificación en Córdoba, “e pasouno bomba”. Pero polo momento non ten que elixir e o deporte é un elemento que lle axuda na súa rehabilitación e ademais é un dos seus hobbies, polo que acode feliz ás súas clases con Alex e aos adestramentos co Amfiv.

 

Agora a familia ten un soño, polo momento en proxecto: “Estamos estudando a posibilidade de viaxar a  Tokyo para ver nos Xogos  Paralímpicos ás seleccións españolas masculina e feminina de baloncesto en cadeira de rodas e, á vez ,coñecer o país, que é o berce do manga, que tanto lle gusta a  Martina”.

 

E con este soño despedímonos de Víctor e  Martina Sande, despois de que  Martina nos ensine a súa medalla de prata e nos adique unha mirada chea de retos e ilusións.