MARCHA NÓRDICA, ACTIVIDADE AO AIRE LIBRE ADAPTADA A TODAS AS IDADES E CONDICIÓNS

08/01/2024

Marcha nórdica. Se non a coñeces, pode soar complicada, pero en realidade é unha actividade sinxela, adaptada a todas e todos, e dirixida especialmente a aquelas persoas que prefiren facer deporte ao aire libre. Hoxe queremos que coñezades a nosa clase de marcha nórdica!

 

É unha modalidade que xa vai pola súa cuarta tempada en Máis que Auga e que ten moitas características para enganchar. É unha clase diferente: De maior duración (90 minutos), ao aire libre, en grupos reducidos e gozando tanto da contorna, como da actividade física e da compañía.

 

E é que nestes anos creouse un grupo excepcional, dirixido polo noso técnico Dani Domínguez, que non deixa de idear percorridos e alicientes para que cada clase sexa diferente e especial. Así durante as Festas do Nadal, o grupo organizou saídas ao centro da cidade para gozar xuntos das luces do Nadal, e no mes de xullo, realizaron unhas saídas especiais como festa de peche de tempada, visitando varios parques forestais (Beade, O Vixiador, Saiáns e Zamáns). Ademais, o noso pequeno grupo non só sae a camiñar. Os lazos foron crecendo e este ano ata celebraron o seu cena de Nadal todos xuntos! E iso sen esquecer os aniversarios ou as escusas varias para gozar todos xuntos

 

Pero en que consiste a marcha nórdica? De forma tremendamente reducida, poderíase dicir que é camiñar axudado/a por bastóns, aínda que evidentemente ten unha técnica e para iso contamos coa axuda de Dani, que vos explicará como realizar os movementos da forma correcta. Ao camiñar coa axuda dos bastóns, optimizas o esforzo físico, de forma que poderás realizar máis quilómetros e fatigarte menos.

 

En resumo, é unha actividade apta para todo tipo de persoas, independentemente da idade, o xénero e a preparación física do practicante. Pero o mellor é pasar á acción! Reserva a túa clase e proba! O grupo organízase a través dun grupo de whatsapp, polo que, se te animas a probar, pide na recepción do noso centro que che inclúan no grupo para estar informada/o de todo.

 

Outro dato moi importante, a marcha nórdica é unha modalidade que só se realiza no centro de Coia e que está incluída no abono. Agora, durante o inverno, a marcha nórdica cambia de horario, co obxectivo de aproveitar mellor a luz. Así, durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo, a clase de marcha nórdica celebrarase o mércores de 10:45 a 12:15, con saída desde Coia e desde aí desprazaranse a diferentes lugares (Lagares, Bouzas, Castrelos…). Xa en abril, regresaremos ás nosas clases pola tarde!

 

E, para finalizar, lembrarvos que para esta actividade é obrigatorio o seguro anual de actividades ao aire libre, que ten unha vixencia dun ano e un prezo de 11 euros. Este seguro cubrirá todas as actividades que realices no exterior (running, marchas…)  e só terás que pagalo unha vez ao ano.