MANUEL GONZÁLEZ: “O PILATES DEUME A VIDA”

12/06/2022

É  pilates unha desas disciplinas que hai que coñecer para amar. Aparentemente pode parecer que non fas esforzo, que non realizas deporte, pero só hai que fixarse un pouco nos practicantes ou falar con eles para desfacer un deses mitos falsos que tanto abundan.

 

Así que, pensamos, que non había mellor maneira de coñecer o  pilates que da man dun practicante que recoñece que esta actividade “lle cambiou a vida”.  El é Manuel González, usuario de  Máis que Auga  Coia, e que chegou á clase de  pilates hai uns anos, aínda que a primeira en probar foi Emilia. “Animei á miña muller para probar, porque tiña problemas de costas e oíra que o pilates era moi bo para isto. Empezou noutro ximnasio e alí coñeceu á técnica  Flavia, e cando  Flavia cambiou ao  Máis que  Auga, foi detrás”.

 

Manuel tardou un pouco máis en comezar porque tiña problemas para compatibilizar horarios, ata que xa non puido atrasalo máis. “Estaba a quedarme inválido. Teño  lumbago crónico e xa me limitaba para moitas cousas. Agora estou novo, rexuvenecín e pódoche dicir que a min o  pilates me deu a vida”, afirmou. Así que Manuel non se perde a clase do xoves pola mañá, da que se converteu nun alumno adiantado, tal e como nos dixo  Flavia.

Manuel, de 67 anos, quíxonos axudar a desmontar mitos. “Cando digo que vou a  pilates aos amigos, algúns me din que é unha actividade para mulleres. Que bobada! É unha actividade para todos e que nos vén xenial a todas aquelas persoas que teñan problemas de costas, coma min”.

 

E tamén quixemos conversar coa  mestra  Flavia  Ozinete quen nos explicou en que consiste o  pilates e como prepara as súas clases. “O  pilates clásico está pensado para fomentar e aumentar a conciencia e control corporal, axudando así a cada persoa para traballar o seu corpo de forma precisa e eficaz, para mellorar o seu ton físico, elasticidade e postura, aliviando as molestias causadas pola rutina e as malas posturas”.

 

Flavia explicounos que “en  MQA preparamos as clases @teniendo en conta ao noso público e as súas patoloxías e limitacións. Desta forma, realizamos exercicios para traballar a mobilidade, estabilidade, control e fortalecemento muscular dentro das capacidades de cada alumno”. A nosa técnica lembra que este tipo de clase vai dirixida a todo tipo de persoas, polo que é habitual ver a alumnos/as de todas as idades, aínda que a clave está como di  Flavia en “respectar  sempre o seu nivel” e lembra que “é unha excelente opción para quen quere fortalecer a súa musculatura, mellorar a súa postura, controlar mellor a respiración e ser máis consciente do seu corpo e movementos”. Ademais, hai que lembrar que cada vez contamos con máis material para axudar na realización dos exercicios.

 

Pero só hai unha forma de coñecer os beneficios do  pilates: Probando! Así que vos animamos a facelo e moi pronto comezaredes a notar os cambios no voso corpo.