MANIFESTO POLO RECOÑECEMENTO DO DEPORTE COMO ACTIVIDAD FUNDAMENTAL NA LOITA CONTRA A COVID-19

03/01/2021

Dende Máis que Auga queremos dar a coñecer o manifesto polo recoñecemento da educación física, a actividade física e o deporte como actividades fundamentais na loita contra a COVID-19, elaborado pola Plataforma Galega pola Educación Física, a Actividade Física e o Deporte. É unha proposta que compartimos totalmente e gustaríanos animarvos a asinar este manifesto, pero primeiro queremos que coñezades como xurde a iniciativa e o contido do manifesto.

 

Quen conforma esta plataforma e por que nace? A Plataforma está formada polo Colexio Oficial de Licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (COLEF Galicia), a Asociación de Empresas Xestoras de Instalacións Deportivas de Galicia (AEXIDEGA) e a Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE), como entidades que representan unha parte substancial do sistema deportivo de Galicia. A constitución desta organización xurde ante as medidas restritivas que se veñen tomando en relación á práctica de educación física, actividade física e deporte, durante a xestión da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 en Galicia.

 

As tres entidades constituíntes da Plataforma expresan o seu desacordo coa falta de apoio á práctica de actividades físico-deportivas por parte da Xunta de Galicia, xa que, en vez de ser promocionadas, están sufrindo graves restricións. Non entenden que estas actividades, cuxa práctica supón uns beneficios importantes para a saúde, estean sendo esquecidas pola administración autonómica e sufran más restricións que outras actividades sen ningún beneficio para a saúde.

 

Ante esta situación, a Plataforma elaborou un manifesto polo recoñecemento da educación física, a actividade física e o deporte como actividade esencial na loita contra a COVID-19. Neste documento recórdase que a inactividade física é un grave problema de saúde pública, con importantes consecuencias económicas, cuxa solución pasa por un aumento da práctica de educación física, actividade física e deporte. Este problema aumentou durante o confinamento de marzo a xuño de 2020 pola COVID, ao reducirse de forma drástica a actividade física. Ademais está demostrado que a práctica de educación física, actividade física e deporte é fundamental na loita contra a COVID-19. Por todo isto, a Plataforma solicita a Xunta de Galicia:

 

  1. Que os servizos de educación física, actividade física e deporte prestados por entidades e profesionais cualificados sexan recoñecidos como actividade esencial, tendo en conta que a Lei 3/2012 do deporte de Galicia os considera de interese público.
  2. Aprobación por parte da Secretaría Xeral para o Deporte, dun Protocolo FISICOVID-DXTGALEGO específico para os “centros e servizos físico e deportivos de Galicia”, de obrigado cumprimento e polo que se establezan as medidas e requirimentos de seguridade que permitan manter os centros operativos para que a poboación en xeral poida seguir realizando “actividade física saudable”.
  3. Que non se apliquen á práctica de educación física, actividade física e deporte medidas restritivas de carácter xeral, agás que existan evidencias e datos de contaxio que as xustifiquen, e si medidas específicas para aqueles centros e servizos deportivos que incumpran o protocolo específico que se aprobe para os mesmos.

 

A continuación, tedes as ligazóns para que poidades ler o manifesto íntegro, así como para que asinedes o manifesto se considerades importante o recoñecemento da educación física, a actividade física e o deporte como actividades fundamentais na loita contra a COVID-19. Dende Máis que Auga apostamos por un estilo de vida saudable e activo!