Mañá comeza o Vigo Open 2019 de Pádel en Máis que Auga Navia

04/05/2019

Mañá domingo 5 de maio comezará en Máis que Auga Navia o Vigo Open 2019, proba do Circuíto Mundial de Pádel Profesional. Farano coa pre-previa e a participación de varios vigueses e entre eles o usuario das instalacións de  Máis que Auga, Nacho Vilariño.

O vigués Nacho Vilariño xogará mañá domingo (10:30 horas) no complexo de pádel de Navia xunto ao seu compañeiro Jon Sanz Zalba, contra a parella andaluza Enrique Sánchez/Enrique Martos. O socio de Máis que Auga explicou que cando lle dixeron que Vigo acollería unha proba do Circuíto Mundial de Pádel Profesional “foi unha alegría impresionante, porque nunca se fixera aquí e cando pasa, tes que amosar o que vales diante de todos. Ademais, é no teu club e nas instalacións de Navia, que son impresionantes. Xuntouse todo!”.

Nacho, que chega a este torneo coa boneca dereita un pouco inflamada, recoñece que enfronta esta cita “cuns poucos de nervios xa que é difícil xogar diante da túa xente, porque tes un pouco de presión, pero por outra parte, teño unas gañas impresionantes. Ademais xogamos nas pistas onde adestro habitualmente e as coñezo de memoria, polo que penso que podo ter un pouco de vantaxe”.

O seu obxectivo é meterse na previa, “é moi complicado porque nos tocou un cadro complicado. Se chegamos a previa, gustaríanos poder gañar un partido ou dous con boas sensacións. Iso sería un bo paso”. Nacho e Jon quedaron o pasado ano subcampións de España sub 18 e do seu xogo Vilariño destaca “a pegada: O remate e a volea de dereita. Básicamente, estar na rede, iso é o mellor que teño ”. Se gañan, terán o segundo partido o mesmo domingo ás 17:30 horas contra a parella Javier Valdés/Javier Pérez.

Non será o único vigués en liza nesta pre-previa. O mesmo domingo tamén xogarán Iago González Niño (9:30 horas) e Héctor Guisande (12:30), mentres que o luns comezará a competición feminina con  Carla Barciela/Sabela Barciela (16:00) e Tamara Aranda (16:00).

Todos os partidos disputaranse nas instalacións de Máis que Auga Navia e a entrada será gratuíta ata encher o aforo.