Máis que Auga volverá ser sede oficial do Vigo Open 2020 do World Padel Tour

05/03/2020

Por segundo ano consecutivo, e despois das magníficas valoracións obtidas na edición de 2019, o complexo de pádel de Máis que Auga Navia será sede oficial do Vigo Open 2020, proba do Circuito Mundial de Pádel Profesional que se celebrará na cidade olívica do 22 ao 29 de marzo.

 

As oito pistas do Complexo Deportivo de Pádel de Navia acollerán, ademais dos adestramentos, a totalidade da fase preliminar da competición, así como parte da fase final na categoría feminina, o que significará que por Navia pasarán as e os mellores xogadores do mundo. Para permitir unha maior asistencia de público, instalaranse unhas bancadas supletorias e, igual que o ano pasado, o acceso será libre e gratuíto ata completar o aforo. O resto da competición disputarase no Pavillón de As Travesas, do 25 ao 29 de marzo, para decidir os campións do torneo.

 

Aínda é moi pronto para coñecer a todos os protagonistas do Vigo Open. O que é seguro é que estarán as mellores parellas do mundo e unha importante representación do pádel galego e vigués. Quen xa confirmou a súa asistencia é o xogador vigués e do Máis que Auga, Nacho Vilariño, que soña con repetir a magnífica actuación do ano pasado na que superou tres roldas. Este ano terá como compañeiro a Héctor Guisande, outro deportista local. Vilariño asegura que non queren marcarse obxectivos: “O que queremos é dalo todo e gozar na pista con toda a xente de Vigo véndonos”. Aínda que non está a xogar todo o que quixese polos estudos, o vigués explicou que leva unha semana adestrando forte para chegar a esta importante cita nas mellores condicións posibles. Ademais, destacou a alegría que lle proporciona xogar en Vigo, no World Padel Tour e no Máis que Auga, que “é un club que me apoia como patrocinador”.

 

O World Padel Tour 2020 é a oitava edición do circuíto mundial profesional de pádel e contará cun total de 22 torneos (categorías Master, Open, Challenger e Exhibition), que se celebrarán en nove países diferentes. O circuíto comeza esta semana co Open de Marbella e Vigo será a terceira proba en disputarse. No medio, o Yucatán Exhibition (13-15 marzo).