MÁIS QUE AUGA, ÚNICA EMPRESA GALEGA PRESENTE NO CONGRESO EUROPEO DA INDUSTRIA DO FITNESS

26/10/2023

Máis que Auga asistiu ao Congreso Europeo da Industria do Fitness, que se celebrou en Lisboa do 17 ao 19 de outubro, sendo a única empresa galega presente neste gran evento, no que se analizou o momento actual do sector e presentáronse novas tendencias e oportunidades cara ao futuro.

 

Esta convención, organizada pola IHRSA, a Asociación Mundial de Saúde e Fitness, celébrase de forma anual nunha cidade europea, aínda que nesta ocasión regresou despois de tres anos de parón por mor da pandemia da COVID-19.

 

No Congreso deste ano houbo relatorios moi actuais e interesantes, como a irrupción da intelixencia artificial no sector. Na conferencia analizouse como pode mellorar o servizo aos clientes e ao traballador, se se sabe utilizar correctamente.

 

Ademais, analizouse a irrupción da Xeración Z nos centros deportivos, que é unha oportunidade de negocio para as empresas e á vez un reto, xa que obriga a buscar novas variantes na organización do centro para que sexa posible a convivencia das diferentes xeracións.

 

Tamén se abordou o liderado e como motivar aos equipos profesionais nunha contorna tan cambiante ou a posibilidade da rebaixa do IVE como unha medida para achegar o fitness e a actividade física a máis poboación.

 

O  director xeral de Máis que Auga, Francisco Cortegoso, destacou a importancia do Congreso ou de actividades similares: “para nós asistir a este tipo de eventos punteiros do sector cos responsables dos centros, permítenos estar ao día na vangarda do fitness, anticiparnos para poder tomar decisións estratéxicas en MQA, que coñezan outras realidades moi interesantes, compartir experiencias, etc.”.