Máis que Auga, unha medicina para Roberto e Isabel

18/08/2019

Roberto e Isabel son os nosos socios máis veteranos. O seu carné de identidade amosa unha idade que en nada se parece á que representan, tanto pola súa actividade, como pola  alegría, enerxía e ganas de facer cousas novas.

 

Resulta case imposible botarlle a Isabel Vázquez os seus anos, dos que fala con moito orgullo. “Acabo de cumprir 96, o día 4 de agosto”, asegura cun sorriso pícaro que aparece moi a miúdo durante a nosa conversa. Leva en Máis que Auga Barreiro dende o día da súa apertura: “Antes ía a Travesas, pero cando abriron Máis que Auga me vin para aquí, porque me queda moito máis preto da casa”.

 

Isabel, veciña do barrio, visita a nosa instalación tres ou catro días á semana e sempre a primeira hora da mañá. “Fago piscina e sala, e estou aquí un par de horas ou un pouquiño máis”. Na piscina nada sola, sen monitor, e na sala fitness fai un pouco de todo: bicicleta, cinta, mantemento…

 

Dende sempre lle gustou o deporte, aínda que cando era máis nova non había ximnasios como agora –“ía en bicicleta”-, e afirma con absoluta rotundidade que “para min Máis que Auga é como unha medicina e non só para o corpo, que me axuda a sentirme moito mellor. Tamén para a mente. Se un día estás un pouco tensa ou preocupada, despexas a mente. Eu aquí son feliz”. Volve a aparecer ese sorriso de adolescente cando di que é moi independente e que de aquí vai tomar café cunhas amigas, “que son máis xoves ca min”. Afirma que ten sorte, porque a xente máis nova trátaa moi ben, pero nós pensamos que os afortunados somos os que podemos estar con ela.

 

E que dicir de Roberto Espósito, outro exemplo a seguir. Ten 89 anos (en abril cumprirá os noventa) e dende hai dous anos é socio e usuario diario do Máis que Auga de Coia. É un dos fixos, dos que a primeira hora da mañá xa están na sala fitness e durante dúas horas fai un percorrido pola cinta, elíptica, bicicleta ou remo.

 

Roberto asegura que este é agora o seu traballo e tamén sabe que é algo que lle axuda a mellorar. “Dende que comecei a vir todos os días a Máis que Auga, hai preto de dous anos, adelgacei máis de dez quilos e ademais a analítica está perfecta”. Antes Roberto tiña o colesterol un pouco alto e algún que outro problemilla e tralo último análise, a súa doutora felicitoulle e deulle un abrazo.

 

E el está convencido de que todo é por facer deporte, así que anima a toda a xente de certa idade a facelo porque “é positivo para a saúde e tamén unha forma de entreterse”. “A min o deporte me gusta dende sempre. Cando era novo saía a un parque que había preto da miña casa todos os días e corría durante uns 40 o 50 minutos”, explicou. Incluso se construíu el mesmo unha máquina de remo e unha bicicleta estática, “para ter na casa”.

 

Roberto é arxentino e as súas fillas viven en Vigo desde hai 17 anos. Ao principio, el e a súa muller Lidia viñan visitalas e pasaban tempadas longas (“nunha delas pasei por aquí cando se estaba construíndo este centro”), pero agora xa están instalados de forma definitiva. E sobre Máis que Auga, Roberto está ao día de todo: “Estas obras que están a facer agora en Coia son moi positivas, porque van a ampliar o espazo, que facía falta,  e ademais van a traer novas máquinas”.