MÁIS QUE  AUGA SÚMASE AO PROXECTO SOLIDARIO 0-3 PARA CONSEGUIR RECURSOS PARA OS MÁIS PEQUENOS

16/12/2020

Nos momentos complicados é cando máis se necesita a solidariedade. Sabemos que hai familias que están nunha situación económica moi difícil e non podemos mirar para outro lado. E é por iso polo que en Máis que Auga nos sumamos a unha iniciativa que nos apaixona: O Proxecto 0-3, da asociación Sinerxia 360 en colaboración con  AFAN Vigo.

 

Cal é o obxectivo prioritario desta iniciativa? Que todas as familias con bebés de idades comprendidas entre 0 e 3 anos teñan os recursos de hixiene e nutrición necesarios para os seus peques. Son moitas as cousas que necesitan os bebés e que non son ademais precisamente baratas, por iso calquera achega será ben recibida: Desde  potitos a leite de crecemento, de cueiros a toalliñas hixiénicas; de cremas  hidratantes a  champús ou xel; dun axóuxere a un biberón… Hai tantas opcións adaptadas a todos os petos!

 

Por iso, pedimos a vosa colaboración. E como e cando será a recollida? Estará centralizada nos tres centros de  Máis que  Auga (Navia,  Coia e Barreiro) os días 18, 19 e 20 de decembro. Nas nosas instalacións atoparedes uns contedores nos que poderedes depositar a vosa achega que, por suposto, será sempre moi benvida.

 

A Asociación de Freixeiro de Axuda ao Necesitado ( AFAN) será a encargada de repartir despois os produtos entre esas familias que o necesitan.  AFAN é unha asociación que desde hai máis de trinta anos axuda a persoas en situación de vulnerabilidade, grazas á solidariedade de persoas, empresas privadas, a colaboración de voluntarios e o apoio financeiro das administracións públicas. A pandemia do Coroa Virus aumentou e moito o número de familias que necesitan axuda e por iso AFAN solicita a colaboración de todos os vigueses e viguesas para que aos bebés de 0 a 3 anos de Vigo non lles falten eses produtos básicos de alimentación e hixiene.

 

Esta campaña está  amadrinada pola xornalista Noelia Otero, que hai uns anos puxera en marcha este proxecto 0-3 xunto con David Suárez. Desgraciadamente foi necesario reactivalo neste complicado momento e Noelia volveuse involucrar e lémbranos a todos que “pedimos a vosa axuda, porque os máis pequenos necesítannos”.

Noelia Otero, madriña do proxecto