MÁIS QUE AUGA SÚMASE AO PROXECTO SOLIDARIO 0-3 A FAVOR DOS MÁIS PEQUENOS

10/12/2022

Chegan as Festas do Nadal e nestas datas son aínda máis evidentes as desigualdades. E se sempre é complicado, moito máis cando hai bebés por medio. Por iso, é imposible mirar ao carón e non involucrarse. Así, en Máis que Auga, un ano máis, sumámonos a unha iniciativa que nos toca o corazón: O Proxecto 0-3, da asociación Sinergia 360 en colaboración con AFAN Vigo.

 

En que consiste este proxecto? O obxectivo é conseguir produtos básicos de alimentación e hixiene para nenos/as de 0 a 3 anos, e que esas familias que están a pasar por unha situación económica complicada, teñan esta necesidade cuberta. Son moitas as cousas que necesitan os bebés, por iso calquera achega será ben recibida: Desde potitos a leite de crecemento, de cueiros a toalliñas hixiénicas; de cremas hidratantes a champús ou xel; dun axóuxere a un biberón… Moitas opcións adaptadas a todos os petos, porque xa sabemos que a crise nos golpea a todos!

 

Como e cando será a recollida? Estará centralizada nos tres centros de Máis que Auga (Navia, Coia e Barreiro) e o MeuFit de Vialia os días 15, 16 e 17 de decembro. Nas nosas instalacións atoparedes uns contedores nos que poderedes depositar a vosa achega, que despois serán entregados a AFAN.

 

Que é AFAN? A Asociación de Freixeiro de Axuda ao Necesitado (AFAN) será a encargada de repartir despois os produtos entre esas familias que o necesitan. AFAN é unha asociación que desde hai máis de trinta anos axuda a persoas en situación de vulnerabilidade, grazas á solidariedade de persoas, empresas privadas, a colaboración de voluntarios e o apoio financeiro das administracións públicas.

 

Igual que en anos anteriores, esta campaña será amadriñada pola xornalista Noelia Otero, que foi unha das “culpables” da posta en marcha deste proxecto 0-3 xunto con David Suárez hai case unha década. Noelia destacou a importancia de que “colaboredes e esteades aí, coas familias máis necesitadas da nosa cidade e que teñen peques en casa”.