MÁIS QUE AUGA RECIBE O SELO RESPONSABILÍZATE PARA EMPRESAS COMPROMETIDAS

07/12/2023

Máis que Auga recibiu o selo Responsabilízate, un recoñecemento oficial concedido pola Xunta de Galicia a aquelas empresas comprometidas cos valores ambientais, sociais e de bo goberno (ASG).

 

Foi un proceso longo e moi gratificante para a nosa empresa, que se inscribiu a comezos do ano 2023 no programa Responsabilízate da Xunta, que xa vai pola súa terceira edición. Responsabilízate é un programa de asesoramento totalmente gratuíto impulsado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, destinado a apoiar ás pequenas, medianas e microempresas do tecido empresarial galego na súa transformación cara a modelos de negocio ambiental, social e economicamente sostibles.

 

O proceso comezou a inicios do 2023 cun diagnóstico  da situación e a detección das áreas potenciais de mellora. Ao longo do ano, Máis que Auga foi recibindo asesoramento e formación para implantar e desenvolver as nosas propias actuacións.

 

E finalmente, tras superar correctamente todas as fases, Máis que Auga recibiu o día 1 de decembro o selo  Responsabilízate, que a identifica como “unha empresa sostible, responsable e comprometida”. Así, ademais daquilo que xa estaba en marcha na compañía (fomento da saúde e do deporte, accións solidarias, medidas de inclusión, a aposta por enerxías sostibles…), durante estes meses seguiuse avanzando en valores ASG e establecéronse “deberes” para o futuro inmediato, tales como a formalización dun protocolo de desconexión dixital, ou a elaboración dun plan de accións sociais con compoñente estratéxico, entre outras.

 

Desta forma, o pasado día 1 de decembro realizouse, no Pazo Vista Alegre, a entrega oficial do Selo de Empresa Responsabilízate ás 200 organizacións, entre as que se atopaba Máis que Auga, que completaron todas as fases da terceira edición do programa Responsabilízache da Xunta de Galicia.

 

Este programa busca equipar ao tecido empresarial galego con ferramentas para responder á crecente demanda de sustentabilidade empresarial por parte de clientes e consumidores, así como ao inminente tren regulatorio europeo que está a aumentar a presión sobre as empresas para que aliñen os seus modelos de negocio cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. A Xunta xa anunciou que haberá unha cuarta edición.