MÁIS QUE AUGA PUXO EN MARCHA A INICIATIVA “ESCOITÁMOSTE, ESCOITÁMONOS” PARA COÑECER DE PRIMEIRA MAN AS NECESIDADES DA SÚA MASA SOCIAL

20/04/2024

Máis que Auga puxo en marcha nos últimos meses a iniciativa “Escoitámoste, escoitámonos”, que naceu co obxectivo fundamental de coñecer de primeira man as necesidades, queixas e propostas das e dos nosos socios e tratar de buscar xuntos solucións aos problemas habituais que xorden en instalacións tan grandes como as nosas.

 

Despois de celebrar tres reunións (unha por instalación) chegou o momento de facer balance, e a empresa non pode estar máis satisfeita do resultado destes encontros. Serviron para poñer en conxunto os problemas que atopan as e os usuarios, moitos deles de convivencia, e tamén para revisar protocolos internos co obxectivo de corrixir desaxustes.

 

Foron conversacións moi construtivas nas que as e os socios explicaron os seus problemas e incluso fixeron propostas, algunhas das cales xa se puxeron en marcha nas instalacións. Ademais, de “Escoitámoste, escoitámonos” xurdiu a necesidade de emprender unha campaña de concienciación, que actualmente se atopa en preparación, porque moitas das peticións que recibimos estaban directamente relacionadas cos problemas de convivencia de tanta xente na instalacións (limpar as máquinas ao remate do uso, quedarse no aparato aínda que non se utilice, non anular as reservas de clases cando non van acudir…).

 

Funcionamento de “Escoitámoste, escoitámonos”

 

Este proxecto está baseado no “Focus Group”, unha ferramenta standarizada para coñecer a opinión dos clientes nun entorno de confianza, transparencia e humildade para afrontar melloras nos procesos e servizos. Desta forma, “Escoitámoste, Escoitámonos” xurdiu a finais do pasado ano e comezou na instalación de Barreiro. Enviamos un correo a todas e todos os abonados explicando a iniciativa e invitando a participar na mesma. Posteriormente, a experiencia realizouse en Navia e Coia, no primeiro trimestre de 2024. A selección facíase por orde de chegada da inscrición e tratando de que houbese representantes dos diferentes tipos de clientes que temos en MQA (tanto por idades como polo uso). Así, en cada reunión participaban de 6 a 10 persoas, coas que se repasaba a instalación dividida por zonas e falábase dos problemas, e tamén dos aspectos positivos, que foron moitos os que destacaron os participantes, polo que a empresa está moi agradecida. Nestes encontros, Máis que Auga recibiu moita información desde o punto de vista do usuario/a, sempre dende o respecto máis absoluto e, por tanto, foi unha experiencia moi satisfactoria que, sen dúbida, se repetirá.

 

Así, o director xeral de MQA, Francisco Cortegoso, fixo unha valoración moi positiva desta primeira edición de “Escoitámoste, Escoitámonos”: “É unha ferramenta que nos permite detectar o nivel de satisfacción e marcar cara onde queremos ir. Os profesionais que formamos parte de MQA, entendemos as oportunidades que se abren cada vez que un cliente nos traslada a súa opinión/queixa debido a que iso significa que quere permanecer connosco. Se se nos brinda esa oportunidade, non só a actitude en como afrontar esas críticas ou suxestións é fundamental, senón tamén o reformularse normas, servizos e decisións con certo prisma de autocrítica e humildade sen sentirnos atacados”.