Máis que Auga, premio Aproin 2015 á mellor construción da provincia

24/02/2016

A compañía viguesa Máis que Auga recibirá mañá no Círculo de Empresarios de Galicia o Premio Aproin 2015 outorgado por ser a mellor edificación non residencial construída na provincia de Pontevedra. O xurado distingue ás instalacións de Navia, inauguradas en setembro de 2015 e que constitúen o terceiro grande centro deportivo da firma, xunto cos de Coia e Barreiro.

A Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra (Aproin) concede o premio pola calidade do deseño e da construción, a súa integración no barrio e o sistema de accesibilidade i ecoeficiencia do edificio. Máis que Auga integra na instalación deportiva 3 piscinas, 8 pistas de pádel panorámicas, varias zonas de seco e ximnasia, unha área especial para nenos, fisioterapia, cafetería e aparcamento gratuíto para socios.

O xurado do Premio Aproin 2015 está integrado por: Luís Espada Recarey (presidente), Javier de la Puente Crespo (enxeñeiro industrial), Antonio Carballo Couñago (arquitecto técnico), Xavier Rivas Barros (arquitecto), Rubén Inchaurraga Ruiz (arquitecto) e Carlos Coladas Guzmán (secretario).

O premio será recollido por Francisco Cortegoso, director técnico de Máis que Auga, quen subliña que “o proxecto é froito da boa colaboración público/privada entre o Concello de Vigo e a nosa compañía, o que permite ofrecer instalacións e servizos de alta calidade a prezos populares”.

3.500 clientes diarios, 120 profesionais

Máis que Auga é unha empresa de capital 100% de Vigo que ten materializado un investimento de 28 millóns de euros en tres centros deportivos na cidade, con 28.000 metros cadrados de instalacións cubertas. O proxecto baséase en dar servizo deportivo completo (piscina, fitness, pádel, …) para tódalas idades, coa familia como centro da oferta, e con atención personalizada de profesionais. A empresa duplicou este ano o seu persoal, que conta con 120 profesionais e técnicos deportivos nos tres centros.

Máis que Auga é utilizado para a práctica deportiva por 3.500 persoas cada día, ás que se suman uns 30.000 participantes cada ano nas actividades de ocio saudable plantexadas no programa Máis que un Plan (excursións, conferencias, concursos, carreiras, clases, campañas de doazón,…). Na actualidade, Máis que Auga conta con 18.000 socios estables e 70.000 clientes non abonados. A empresa estima que nas súas tres instalacións en Vigo ten capacidade para aumentar o número actual de usuarios e incrementar a práctica deportiva en Vigo.