MÁIS QUE AUGA PECHA AS SÚAS PORTAS E PARALIZA O COBRO DAS COTAS ATA A REAPERTURA

26/01/2021

Sete meses despois da reapertura, e sen que tivéramos ningún contaxio nas nosas instalacións, chegou o momento de volver a pechar as nosas instalacións. A pandemia mundial da COVID-19 non da tregua e ante a grave crise sanitaria que estamos a vivir as autoridades decidiron que hai que acudir a medidas máis restritivas que nos afectan directamente xa que a Xunta de Galicia acordou, entre outras accións,  pechar as instalacións deportivas durante tres semanas (do 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro).

 

O primeiro que queremos indicarvos é que procedemos de forma inmediata á paralización do cobro das cotas, polo que non é necesario que vos deades de baixa, porque non pasaremos ningún recibo ata que volvamos á normalidade, tal e como xa fixemos no anterior peche pola COVID-19. E tamén, igual que fixemos con anterioridade, compensaremos no regreso os días xa abonados e que non poderedes desfrutar agora.

 

Como podedes imaxinar, está a ser un complicado momento para a familia Máis que Auga, que unha vez máis ten que pechar a pesar das medidas de prevención adoptadas nas nosas instalacións, ao esforzo económico realizado e aos magníficos resultados das mesmas, xa que nestes máis de sete meses de funcionamento, dende a reapertura o 12 de xuño do 2020, non tivemos contaxio algún nos nosos centros, polo que a satisfacción era total. E iso foi posible grazas a implicación de usuarios e traballadores/as, que durante estes meses cumpriron de forma escrupulosa as normas e coidaron de todos nós, por iso queremos agradecervos a todos e todas a vosa enorme implicación.

 

Pero agora, ante a complicada situación sanitaria existente, somos os primeiros en asumir este peche, porque para Máis que Auga o máis importante é a saúde e a seguridade, tanto dos nosos traballadores como dos nosos usuarios.

 

Unha vez máis, só podemos pedir desculpas a todos os nosos abonados e cursillistas polas molestias que lles poida ocasionar este peche e queremos darvos as grazas a todas e todos os que estivéchedes ao noso lado, pese a todas as restricións, permitíndonos facer o noso traballo diario nos centros Máis que Auga. Por iso, queremos anunciar que que abrimos CasaGym.tv de forma gratuíta a todos os nosos abonados/as e cursillistas. Nas vindeiras horas, enviarémosvos un correo coas claves de acceso para que poidades seguir activos dende casa.

 

Como ben sabedes ,e como vimos defendendo dende hai meses, a actividade física é fundamental para a nosa saúde e nestes momentos de emerxencia sanitaria aínda máis. Por iso, imos acompañarvos nas vosas casas, para axudarvos a manter os hábitos saudables e a manter o ánimo en todo o alto. Así que… recordade… #ContadeConNós porque nós #ContamosConVós, agora máis que nunca