Máis que auga: oito anos de sorrisos

29/11/2018

O mes de novembro non é un mes calquera en Máis que auga. É o mes no que celebramos un aniversario máis ao voso carón. Desta volta van xa oito anos, que se traducen nun equipo de 120 persoas, 90.000 clientes e 20.100 socios nos centros de Coia, Navia e Barreiro.

Ao longo de todo este tempo estivemos con vós en cada tarde de adestramento, na que aínda vos quedaron folgos para levantar unhas pesas ao saír de traballar. Vimos medrar aos vosos fillos e tirámonos con eles á piscina por primeira vez, fomos ese momento de calma que precisades cada semana, e que só pode aportar unha boa clase de ioga, e axudámosvos a mellorar o movemento das vosas articulacións, tal e como vos recomendou o médico cando cumpristes os 60. Entre estas paredes gardamos centos, miles de lembranzas, emocións e un feixe de primeiras veces. O amor a primeira vista antes de entrar naquela clase de bodypump, a sensación de sentirvos realizados ao completar con éxito o voso primeiro campionato, o primeiro kilómetro que fúchedes capaces de correr, o segundo, o terceiro, e ata o décimo e, con moita ilusión, entregámosvos o voso primeiro abono familiar cando a pequena da casa decidiu que, ao igual que para vós, a vida sá tamén era para ela.

Somos tardes de exercicio ao ritmo da música, un par de partidas de padel para comezar o día, e tamén unha amizade que foi medrando entre pedaladas. Somos moitas cousas e, ante todo, sempre levamos un eterno sorriso de orella a orella, que non sería posible sen os imprescindibles, que sodes vós.

Para o vindeiro mes de novembro agardamos que sigades confiando en nós, que nada vos deteña, e que acadedes todas as vosas metas persoais e deportivas. Descoidade, se nos deixades, estaremos aí para velo.

VIII aniversario Máis que auga