Máis que Auga Navia, sede do “Vigo Open 2019” do Circuíto Mundial de Pádel

01/05/2019

O complexo de pádel de Máis que Auga Navia foi designado como sede oficial das fases preliminares da primeira edición do “Vigo Open 2019”, proba do Circuíto Mundial de Pádel Profesional que se celebrará na cidade olívica do 5 ao 12 de maio cun total de 151 parellas inscritas.

 

O World Padel Tour (WPT) é o campionato de pádel profesional máis importante do mundo, tanto polo nivel organizativo como pola participación dos mellores xogadores a nivel internacional, polo que será unha gran oportunidade para situar á cidade de Vigo no panorama internacional do pádel. Ademais será un gran escaparate para o noso complexo deportivo de Navia, xa que por el pasarán as mellores parellas tanto a nivel nacional como internacional. Porque en Vigo estarán as e os mellores xogadores do mundo. Na categoría masculina participarán no Vigo Open 2019 a parella número 1 do ranking (Maximiliano Sánchez/Carlos D. Gutiérrez); Pablo Lima (número 4)/Fernando Belasteguín (7º), ou na categoría feminina as parellas Marta Ortega (número 7)/Marta Marrero (número 2) e Alejandra Salazar (número3)/Ariana Sánchez (8).

 

O Vigo Open 2019 celebrarase do 5 ao 12 de maio e as oito pistas do Complexo Deportivo de Pádel de Navia acollerán a totalidade da fase preliminar do 5 ao 9 de maio, e tamén teremos a oportunidade de gozar cos adestramentos. En Navia a entrada será gratuíta.

 

Posteriormente, a fase final disputarase no Ifevi, onde se decidirán os campións desta proba do World Padel Tour. Esta sétima edición do circuíto profesional de Pádel consta de 19 competicións, que se disputarán en sete países diferentes. A proba de Vigo será a cuarta e a semana pasada celebrouse a de Alacante, na que se proclamaron vencedoras as parellas Alejandra Salazar/Ariana Sánchez (feminina) e Francisco Navarro/Juan Lebrón (masculina), que tamén estarán en Vigo. Ademais dos mellores xogadores do mundo, tamén teremos a oportunidade de ver en acción aos galegos máis destacados, entre os que se atopan 6 vigueses, que tentarán dar o mellor de si na casa.