Máis que Auga, na súa aposta pola profesionalización, asina un convenio con COLEF Galicia

19/01/2023

Máis que Auga e o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e o Deporte (COLEF) de Galicia asinaron un convenio de colaboración a través do cal tanto a empresa como os seus membros recibirán asesoramento profesional. Este acordo afecta aos tres centros Máis que Auga e aos dous de MeuFit, e por tanto tamén aos 37 licenciados ou graduados en Educación Física, que ten actualmente en persoal.

 

A través deste convenio, a empresa gozará “do asesoramento profesional e dos servizos que ofrece o COLEF Galicia (formación, bolsa de emprego, anuncios normativos…)”. Ademais, os traballadores/as de Máis que Auga e MeuFit poderán colexiarse gozando dunha interesante promoción.

 

O director xeral de Máis que Auga e MeuFit, Francisco Cortegoso, destacou que “desde os inicios de MQA, apostamos por ter un perfil de técnico multidisciplinar, que puidese desenvolver as súas tarefas en diferentes departamentos dos centros (piscina, sala fitness, pádel) e, desta maneira, facilitar a estabilidade laboral ao poder ter xornadas o máis completas posibles. Esta multidisciplinariedad é importante, pero cando está asentada sobre a base duns estudos superiores, a calidade do desempeño profesional repercute directamente sobre os nosos socios, sempre que a actitude, habilidades sociais e motivación do técnico sexa a adecuada, sendo estas as calidades que máis valoramos nas persoas que queren formar parte de MQA/MeuFit”. Ademais, destaca que “dentro do equipo e neses 37 titulad@s atópase a canteira dos futuros coordinadores e directores técnicos da empresa, tanto en cumprimento da Lei do Deporte galego como, sobre todo, porque sempre apostamos pola promoción interna nos nosos equipos directivos dos centros”.

 

Este convenio, ademais, servirá á empresa para “acceder a formacións que nos fagan ser mellores profesionais, así como a unha importante bolsa de emprego, estar ao tanto de novidades lexislativas e anuncios que están relacionados co noso sector, ademais de adquirir como empresa un COMPROMISO ÉTICO co desenvolvemento da profesión, contribuír no RECOÑECEMENTO dos profesionais da actividade física e seguir levando a cabo cos nosos socios/as un exercicio profesional ACTUALIZADO E DE CALIDADE”, manifestou Cortegoso.

 

Máis que Auga e MeuFit contan nestes momentos cun total de 37 licenciados ou graduados en Educación Física no seu persoal técnico, o que significa o 37% do total. Ademais de Técnicos Superiores en Animación de Actividades físico e deportivas (TSAFD) con outro 37%, diplomados en Maxisterio – Educación Física (2%) e outras titulacións técnicas (24%). Esta porcentaxe increméntase notablemente, cando falamos dos postos de Dirección e Coordinación técnica, xa que aquí case o 90% son licenciados ou graduados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte.