MÁIS QUE AUGA INVISTE EN SEGURIDADE CON DESFIBRILADORES EN TODOS OS SEUS CENTROS

02/10/2022

Sabedes que nos gusta compartir convosco as novidades e hoxe temos unha que nos parece moi interesante, xa que vos afecta directamente porque é unha medida de seguridade sanitaria para todos: usuarios/as e traballadores/as. Dende hai uns días, en todos os nosos centros Máis que Auga contamos con desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), que nos permiten ter unha resposta rápida en caso dunha parada cardiorrespiratoria.

 

E é que a rapidez é fundamental.  Cando se produce unha parada cardíaca, o recoñecemento rápido e o uso precoz dun desfibrilador é esencial para reverter a situación. A Fundación Española do Corazón afirma que, se o uso deste tipo de desfibriladores se produce nos 3 minutos despois do paro cardíaco, a supervivencia aumenta un 73% e se se utiliza en menos de 5 minutos, as posibilidades increméntanse ata o 50%. Por iso, telo tan preto e no teu propio centro deportivo aumentará ditas posibilidades, no caso de que teñamos que afrontar unha situación deste tipo.

 

Ademais, nas nosas instalacións se reúne un elevado número de persoas, unha clave máis para que Máis que Auga decidise adquirir os desfibriladores para os seus centros, que se atoparán situados na recepción, nun lugar visible. Outro aspecto destacable é que os técnicos e técnicas de MQA realizaron unha formación específica (Curso de soporte vital básico e DEA), avalada polo Consello Español de Resucitación Cardiopulmonar, para saber como utilizar os desfibriladores chegado o momento, aínda que, por suposto, nos encantaría non ter que utilizalos nunca.

Unha das curiosidades deste tipo de soporte é que non só dá cobertura ao lugar no que se atopa instalado, senón a toda a zona. Unha vez contas co DESA, a súa localización é rexistrada nunha rede da Xunta de Galicia, de forma que, se existe algunha urxencia polo barrio ou contorna, o equipo médico saberá onde se atopa o desfibrilador e poderá utilizalo cando sexa necesario. E é que non debemos esquecer que o DESA pode salvar a vida da persoa que temos ao noso carón.