MÁIS QUE AUGA, ELIXIDO CLUB MÁS PARTICIPATIVO DA RUN RUN VIGO 2023

24/01/2024

Sabedes que nos gusta compartir os nosos bos momentos e hoxe é un deses días nos que queremos facervos partícipes da nosa alegría. Onte celebrouse a gala do circuíto de carreiras populares de Vigo, a Run Run e o noso equipo de running triunfou! Tivemos premios individuais, como xa vos contamos hai uns días, pero ademais un colectivo que nos fixo especial ilusión. Fomos premiados como o club máis participativo da Run Run Vigo 2023, galardón que nos  enche de ilusión xa que sempre animamos aos nosos runners a participar en todas as probas que sexa posible.  Por iso, na gala estivemos representados por unha boa parte do equipo que subiu ao escenario para recoller o premio xunto ao noso técnico de running en Coia, Javi Vázquez.

 

Precisamente, Javi sempre trata de incentivar ao seu equipo establecendo obxectivos ao comezo de tempada e un deles é disputar todas as probas do circuíto. No ano 2023 lográrono os medallistas (Noemí Álvarez, Rosa Álvarez e Miguel Costas), pero tamén o fixeron Adrián Suárez, Enrique González, Victoriano Sanmartín e Julia Sampedro. Hai uns días presentámosvos aos medallistas, así que agora quixemos conversar con Adri, Quique, Vic e Julia, para coñecelos un pouquiño mellor.

 

Vic foi un dos primeiros en sumarse ao grupo de running, alá polo ano 2013, e nos dous últimos anos conseguiu realizar todas as probas do circuíto. “Claro que era un obxectivo. Eu quería facer todas as do circuíto como outras do calendario que tamén son moi populares. O mero feito de poder facelas xa é boa noticia, porque cantos compañeiros non poden por unha multitude de motivos diferentes”, sinalou.

 

O seu mellor momento do ano foi a preparación das carreiras máis esixentes, como a VigBay ou a Media de Vigo, e o obxectivo para o ano que agora comeza é completar por terceiro ano consecutivo o circuíto. E non podemos deixarlle marchar sen preguntar polo equipo e Vic, como todos e todas, teno claro: “Non serei o primeiro que destaque que no grupo que se formou existe un gran ambiente, complicidade, bo rollo, pero se nos cinguimos ao deporte, trátase dun numeroso equipo co que sempre che cadra alguén co que correr ao teu ritmo. Non sería a primeira nin última vez que se tenta arranxar o mundo nunha `tirada´ de adestro”.

Quique tamén é un dos veteranos, aínda que tivo un pequeno parón pola pandemia e a enfermidade da súa nai, pero no 2023 regresou “co obxectivo de facer completo o circuíto Run Run. Recoñece que foi un ano moi duro, porque “pasei uns problemillas de estómago na primavera, unha lumbalxia moi forte durante o verán e, a verdade é que foi un esforzo moi grande facelas todas”. Mesmo estivo a piques de perderse a última, pero non! “A última carreira do ano cambiárona de data e puxérona na Ponte de Decembro, polo que tiven que virme das miñas vacacións en Portugal a propósito para correla e finalmente facer toda a Run! Pero non podía fallar na última”. O seu momento favorito, sen dúbida, “a chegada na VigBay. Ía moi amolado das costas e con todo cheguei ben e na meta estaban o meu fillo e a miña parella. Foi un día moi bonito”

 

Para o 24 non se mete tanta presión, por dous motivos fundamentais: “Coidar moito as costas que quedei tocado e por un proxecto novo no traballo, que me obrigará a dedicarlle moitas máis horas”.

 

Do grupo, como todos, destaca “o bo ambiente que temos, somos un grupo de amigos incrible, a complicidade, o compañeirismo, a amizade, o apoio… Somos unha piña magnífica, ademais de compis de equipo, de compañeiros dun deporte, somos unha familia. De verdade, unha auténtica familia.  Celebramos cumpres, facemos ceas, falamos de todo no grupo de WhatsApp, vémonos fóra do ximnasio tamén… é todo. Unha familia!”.

 

E dos veteranos, imos aos recentemente aterrados. Julia leva dous anos no grupo de running, basicamente porque despois de 11 anos vivindo fóra de Vigo, regresou á súa cidade. “Incorporeime ao grupo de running de Coia porque é co que teño máis afinidade. A pesar de vivir en Teis, non me importa cruzarme a cidade, para adestrar con eles, porque é a xente de Coia a que me enganchou, tanto monitores como usuarios”, explicou nosa deportista.

 

Julia cóntanos emocionada que “o meu éxito deportivo foi mellorar unha auténtica barbaridade cos adestramentos. Empecei moi mal, pero acabei xenial. Desta forma, na última carreira, a que se celebrou en Coia, participei na proba de 5 quilómetros e gañeina”. En 2023 finalizou cuarta do circuíto da súa categoría, así que o obxectivo para este ano recentemente estreado é “mellorar a posición”: É dicir, subir ao podio!

 

Adri incorporouse ao grupo en outubro de 2022 e fíxoo co obxectivo de preparar unhas probas físicas, pero probou e quedou. E é que a súa explicación do grupo dio todo: “Fun buscando cobre e atopei ouro. Nunca pensei que podería chegar a atopar xente tan incrible! O apoio que che dan deportivamente, axúdanche a mellorar, animan, ensinan, sempre para mellorar, pero o máis importante é son persoas de gran corazón!!

 

Do 2023 destaca como os seus mellores momentos “a preparación da Vig-Bay e despois ir co equipo para celebralo. Foi incrible”. E cara ao 2024 ten o obxectivo claro: “En 2024 vou apoiar á miña muller, Pili Santana, para que termine o circuíto, xa que en decembro do 22 quedamos embarazos e non puido facer todas as carreiras do 23”. O segundo gran obxectivo é “baixar o tempo por quilómetro”.

 

E non podemos despedirnos sen felicitar aos nosos medallistas individuais: Son moi grandes! Noemí Álvarez logrou a primeira posición en F-1, mentres que Rosa Álvarez foi a segunda en F-5 e Miguel Costas, terceiro en M-3).