Máis que Auga elixida como sede oficial do Circuito BMW Pádel Grand Tour 2019

14/03/2019

Os centros deportivos Máis que Auga somos sede oficial no sur de Galicia do Circuito BMW Pádel Grand Tour 2019, que pasa por 21 cidades españolas ata o 3 de novembro. A cita terá lugar nas pistas de Máis que Auga en Navia entre o 28 e o 31 de marzo. Os xogadores e xogadoras que queiran participar poden inscribirse xa a través desta ligazón.
A de Vigo será a segunda parada do circuito que comezou o día 7 de marzo en Castellón e remata o 3 de novembro coa súa fase final en Málaga. Da man de Máis que Auga, Vigo será unha das dúas cidades galegas polas que pasará a proba, xunto con A Coruña.

Aquelas parellas de xogadores e xogadoras de pádel da provincia de Pontevedra que desexen participar no circuito farano mediante un sistema de cadros eliminatorios. As probas desenvolveranse ao longo de catro días nas instalacións de Máis que Auga, resultando unha parella campiona, subcampiona e campiona de consolación na segunda e terceira categoría masculina e feminina, a nivel local. Todas elas recibirán un trofeo e serán agasalladas con diferente material deportivo, nun acto que terá lugar nas instalacións de Navia o día 31 de marzo.

Na cita viguesa tamén participarán aquelas parellas de xogadores e xogadoras da provincia de Pontevedra convidadas por BMW para disputar o torneo na primeira categoría BMW masculina e feminina. Os gañadores clasificaranse para participar no torneo final en Málaga, a gastos pagados.

Como participar no circuito
A proba está dirixida a todas aquelas parellas de xogadores e xogadoras de pádel amateur maiores de 18 anos e empadroados na provincia de Pontevedra, que non sexan profesionais nin monitores de pádel de centros deportivos. Os participantes clasificaranse segundo o seu nivel nas categorías 2ª (nivel medio-alto) e 3ª (nivel medio-baixo), tanto masculina como feminina. As parellas interesadas poden inscribirse ata o 25 de marzo.

Fai aquí a túa inscrición