Mais que Auga retira 60 kilos de residuos co Correcolle

15/06/2018

A iniciativa do Correcolle de Máis que Auga conseguiu xuntar na tarde-noite do mércores a uns 30 participantes que retiraron de rúas e parques 60 kilos de pequenos residuos no que é a primeira experiencia do plogging en Vigo. O obxectivo era dar a coñecer esta práctica deportiva-ecolóxica, mestura do running e a palabra sueca plocka upp, ‘recoller’.

Equipados con luvas e bolsas de lixo azuis e camisetas ameralas de Mais que Auga, o grupo saíu as 21.00 horas en carreira suave por un circuíto de 5,7 kilómetros que, desde o centro Máis que Auga de Coia, atravesou a avenida de Florida e a Praza de América para enfiar logo a Avenida de Castelao ata chegar a Navia. Os correcolledores inspeccionaban ao seu paso beirarrúas, paseos e parques en busca de pequenos residuos que recoller.

A carreira estaba combinada con exercicios de agachadas ou sentadiñas por cada plástico ou papel e burpees (flexión e salto) por cada lata recollida. Durante a hora que durou a experiencia cada participante recolleu unha media de 2 kilos de residuos. No aspecto físico, as flexións ou sentadiñas realizadas equivalían a queimar unhas 600 calorías.

O grupo non pasou desapercibido nas rúas, tanto polo número de corredores uniformados coa camiseta amarela de Máis que Auga circulando entre os peóns, como polo ambiente animado ao que contribuía o grupo con berros e de ánimo, mentres realizaban as súas funcións de limpeza.

As bolsas azuis cheas dos correcolledores atravesando o parque de Navia ao final do recorrido destacaban o vínculo entre o deporte e a conciencia ambiental que estaba na base da iniciativa pioneira na cidade de Vigo.