MÁIS QUE AUGA E MEUFIT, ENVORCADAS COA PRIMEIRA CARREIRA DE EMPRESAS GALICIA 2023 A FAVOR DE BICOS DE PAPEL

10/10/2023

Este domingo 8 de outubro celebrouse a primeira Carreira de empresas Galicia 2023 no Porriño e, por suposto, non nos podiamos perder esta cita! Desta forma, alí acudimos cun grupo de 25 traballadores e traballadoras de Máis que Auga e MeuFit que demostraron o seu bo estado de forma e a fantástica sintonía existente entre eles. E tanto foi así que, Máis que Auga proclamouse vencedora na modalidade de cuarteto masculino e ocupou a terceira posición en cuarteto mixto. Aínda que iso é o menos importante, o mellor é o o obxectivo da proba e o seu carácter solidario!

 

A Carreira de Empresas Galicia 2023 é un proxecto que nos encanta. Xorde co obxectivo de fomentar a práctica deportiva nas empresas, apostando polo benestar a nivel persoal e laboral. Este primeiro obxectivo é algo polo que Máis que Auga aposta de forma decidida, asinando convenios con empresas que acoden ás nosas instalacións para realizar actividade física. E é que a nosa empresa ten como misión mellorar a calidade de vida dos nosos socios e socias a través da actividade física e o deporte.

 

Así que unidos polo mesmo obxectivo, o segundo aspecto co que sentimos plenamente identificados é a súa vertente solidaria. O importe íntegro da inscrición foi doado á Asociación Bicos de Papel, que axuda a nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Outro punto a favor, xa que Máis que Auga non é a primeira vez que colabora con esta asociación!

 

Desta forma, non había máis opción que envorcarse e así o fixemos. Acudimos ao evento con 25 traballadores de Máis que Auga e de MeuFit, que como sempre mostraron o compañeirismo que lles une e as risas e o bo ambiente rodeou toda a carreira.

 

Esta carreira podía realizarse de diferentes formas. Había unha andaina de 6 quilómetros e despois carreiras para dúos, tríos e cuartetos (masculinos, femininos e mixtos) sobre dúas distancias (5 e 10 quilómetros). Ademais, para aquelas persoas que quixesen sumarse á actividade de forma individual, estableceuse unha clasificación individual. Así era un evento para todas e todos co que poder axudar a Bicos de Papel e gozar dunhas horas de deporte, convivencia, solidariedade e bo humor.