MÁIS QUE AUGA E CELTA ZORKA RECALVI CAMIÑAN XUNTOS

21/03/2024

É posible que as virades pola instalación de Navia, porque coa roupa do seu club e a súa altura non pasan desapercibidas, pero hoxe queremos que coñezades ao Celta Zorka Recalvi, o equipo vigués que nos representa na máxima categoría do baloncesto feminino español e faino sendo un club que ten os seus cimentos na canteira.

 

Elas adestran e xogan no Pavillón Municipal de Navia, así que como “veciños” xorde unha colaboración entre Máis que Auga e Celta Zorka Recalvi, pola cal o equipo utiliza o noso centro cando o necesita para a súa preparación. Máis que Auga trata de cooperar con clubs e deportistas vigueses/as e axudarlles no seu camiño, na medida das posibilidades da empresa, xa que resulta imposible chegar a todas e todos.

 

O Celta de baloncesto feminino é un club cunha enorme historia e un espectacular palmarés. Conta nas súas vitrinas con cinco títulos de campión de Liga; catro Copas da Raíña e seis subcampionatos de Liga. O último título ligueiro logrouse na tempada 1999/20 e desde entón vivíronse tempadas moi boas e momentos complicados, sobre todo no aspecto económico, ao quedar sen patrocinadores, algo que obrigou á directiva da entidade a renunciar á súa praza na máxima categoría, a pesar de que as xogadoras a gañaran na cancha. Esta renuncia tivo lugar no ano 2012 e a entidade viguesa tivo que esperar 11 tempadas para recuperar o seu sitio.

 

O 30 de abril de 2023, o Celta Zorka Recalvi logrou o seu ansiado regreso a LF Endesa, a máxima categoría do baloncesto feminino español. O equipo dirixido por Cristina Cantero cumpría así un soño, que xa acariñaran noutras tempadas e que se escapara entre os dedos. Pero esta vez si, xogando en Navia e acompañadas polo público, lograron un ascenso que tanto o club en todas as súas facetas (xogadoras, equipo técnico, directiva..) como a afección merecían despois de 11 anos en segunda división.

 

Esta primeira tempada está a ser dura, pero fermosa. O equipo tardou unhas xornadas en aclimatarse á nova categoría, pero a medida que avanzaba a competición, o rendemento foi crecendo e agora están a competir moi ben e loitando por tratar de continuar un ano máis na máxima categoría do baloncesto feminino. Faltan cinco xornadas para o final do campionato e a loita por escapar da praza de descenso que aínda non se decidiu, está moi apertada, xa que hai catro equipos nun punto.

 

Así que desde aquí animámosvos a que acudades ao Pavillón de Navia a empurrar ao noso equipo, nestas últimas finais. Dos cinco partidos, o Celta xogará tres en casa, polo que o apoio desde a bancada será fundamental, así que vos deixamos a ligazón coa páxina web do club para que esteades ao día de todo e sumédesvos a esta “tarefa” de salvar ao Celta.