Máis que Auga, deporte en defensa do medio ambiente

03/06/2018

Os case 30.000 socios e cursillistas que atende cada ano Máis que Auga nas súas instalacións coñecen de primeira man o noso compromiso co deporte, o benestar e a saúde. Pero hai máis de 50.000 persoas que participan en actividades deportivas e de contido social organizadas ou patrocinadas por Máis que Auga fóra dos centros de Barreiro, Coia e Navia. Todas elas estenden o noso compromiso no ámbito local e con eles contamos para asumir tamén novos compromisos que implican a mellora dos nosos espazos vitais.

En Máis que Auga realizamos moitas actividades deportivas ao aire libre sempre que é posible, porque compartimos o gusto polos espazos abertos.

Esta semana, na que se celebra o Día Internacional do Medio Ambiente, presentamos a iniciativa do Correcolle, que supón a primeira experiencia de plogging en Vigo. É unha práctica na que combinamos o exercicio deportivo coa actividade ambiental, participando na recollida de pequenos residuos no ámbito urbano.

Non se trata de facer limpeza: trátase de realizar un xesto simbólico, de tomar partido pola mellora da nosa contorna. Máis que Auga traslada ese compromiso á rúa, no seu ámbito de actividade, cun recorrido entre As Travesas e Navia ao que están invitados todos os usuarios e usuarias e calquera cidadán que desexe sumarse.

A mellora do espazo vital é un propósito presente nos nosos centros deportivos, que son instalacións cun alto grao de sostibilidade e que agora queremos trasladar tamén ao exterior, con actividades como este Correcolle. Desde Máis que Auga queremos compartir ese reto ambiental con todos os cidadáns, e sumar o seu impulso e enerxía á mellora do noso medio.