Máis que Auga compite con éxito no pádel feminino

11/11/2018

O equipo feminino de pádel de Máis que Auga continúa cara a segunda volta na competición das Series Nacionais que remata no mes de decembro a súa fase da zona sur. O equipo está formado por 20 xogadoras que durante a semana adestran nas instalacións de Navia ou Barreiro.

A primeira volta comezou no mes de setembro e remata cun reto no que os equipos clasificados na parte baixa da táboa deben baterse contra os mellor clasificados da división inferior. Neste caso o equipo feminino Máis que Auga decidiu a eliminatoria contra o aspirante, o Maelga Vigopádel, cun rotundo 4 -1.

O equipo feminino formouse hai uns seis anos. Ademais dos adestramentos, as compoñentes reciben clases persoais de reforzo a cargo dos técnicos de Máis que Auga antes de decidir as 10 xogadoras que cada semana son seleccionadas para participar nos cinco encontros da competición.

Vanesa Vázquez, compoñente do equipo, afirma que “participamos por ocio, diversión e para estar en forma. Somos un grupo moi compenetrado e competitivo. Cada sábado poñémosllo moi difícil ao rival e os partidos adoitan decidirse no terceiro set”.

Unha vez remata a segunda volta e tras decidirse o correspondente reto para o ascenso desde a categoría inferior, a competición das Series Nacionais afronta a competición coa zona Norte tras do cal tería lugar a fase final que se celebra en Madrid.