Máis que Auga comeza as clases en directo cos seus técnicos dende casa

01/04/2020

Máis que Auga comeza cos directos!! As e os nosos técnicos farannos bailar e suar dende as súas casas, convertendo o salón de casa nun mini gym, no que non vai faltar bo humor e ganas de pasalo ben.

 

Dende o 1 de abril, haberá unha programación de clases en directo para todos os públicos (dende os máis pequenos aos maiores) que serán realizadas polos nosos monitores dende as súas casas.  Zumba, hipopresivos, pilares, gap, wodfit, mobilidade… son algunhas das opcións, ademais de varias clases para os peques da casa. Unha vez rematadas as clases, estas pasarán a formar parte do arquivo de clases gravadas, que xa están a disposición de toda a cidadanía viguesa na nosa páxina web (www.maisqueauga.com/casagym/). Dende as redes as e os nosos socios dicíannos o moito que botaban de menos as clases e nos a eles, así que estivemos preparando esta opción para que a espera ata que poidamos regresar ás nosas instalacións sexa máis soportable. E seguiremos facendo máis actividades para todas e todos vós…. Consellos, charlas... Estade atentos ás nosas redes, que iremos informando!

 

Esta iniciativa social aberta a toda a cidadanía chega da man de Máis que Auga en colaboración co Concello de Vigo, co obxectivo fundamental de axudar a manterse en forma nestes momentos de confinamento na casa e tamén levar un pouco de alegría e bo rollo ás casas. Nestes primeiros quince días con vídeos gravados na nosa web contamos con máis de 66.000 visitas, sendo Vigo, evidentemente, a cidade con máis consultas (máis de 28.000), aínda que houbo visitas dende toda España (Madrid, con case 7.000), Europa (Italia, Portugal, Reino Unido…) e o resto do mundo (Estados Unidos, Canadá, Uruguai…).

 

Ademais, para a nosa masa social, temos na nosa APP unha programación de máis de 350 sesións de adestramento para poder realizar no noso fogar. O acceso será a través da APP de Máis que Auga, que é gratuíta e está ao dispor de todos os abonados. No menú aparece o apartado “virtuais”, que ofrece unha ampla e variada oferta (sesións queimagrasas, adestramento de forza, baile, ioga, ciclo indoor, estiramentos…). Esta proposta está enfocada exclusivamente para os nosos abonados e abonadas.

 

Máis que Auga, desde a súa fundación hai preto de dez anos, adquiriu un compromiso coa sociedade viguesa e por iso, a nosa responsabilidade como empresa nestes momentos tan duros é contribuír a que todo o mundo poida gozar dun adestramento de calidade na súa casa de forma gratuíta.