MÁIS QUE AUGA COLABORA COA I ANDAINA DO MAÚXO CONTRA O CANCRO

30/05/2023

Máis que Auga colabora coa I Andaina do Maúxo contra o Cancro, que se vai a celebrar o día 11 de xuño, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro en Vigo. Esta marcha nace co obxectivo de converterse no primeiro roteiro permanente contra o cancro en Galicia.

 

Cando a Asociación Española Contra o Cancro en Vigo se puxo en contacto con Máis que Auga non houbo nin un segundo de dúbida para sumarnos a unha iniciativa lúdica e deportiva, que ten un carácter familiar e de concienciación social. E é que desde Máis que Auga queremos poñer en valor o enorme traballo que realiza a AECC, moitas veces descoñecido na sociedade. A AECC ofrece servizos gratuítos para pacientes e familiares afectados polo cancro, que van desde orientación médica, a atención psicolóxica ou social ou acompañamento.

 

Por todo iso, por ser unha acción social e benéfica, animamos ás familias de MQA a sumarse a esta marcha que ademais encaixa moi ben no noso programa de saídas #OutExperience, nas que tamén organizamos saídas en grupo nas que o obxectivo non é competir, senón compartir momentos únicos, de actividade física e natureza coa familia e amigos.

 

A andaína

Pero imos contarvos como será esta I Andaina do Maúxo contra o Cancro. A actividade celebrarase o 11 de xuño, a partir das 10:30 horas con saída desde a Capela de San Sebastián de Fragoselo (Coruxo). Será un roteiro circular de 8 quilómetros, apta para todas as idades, xa que transcorre principalmente por pistas e carreiros da Comunidade de Montes Veciñais de Coruxo.

 

As persoas interesadas en inscribirse nesta actividade poderán realizalo de forma presencial na sede da Asociación de Loita contra o Cancro en Vigo (rúa de Don Bosco, 41 – oficina 5) ou en liña. A continuación, tedes a ligazón para poder inscribirvos na proba.