MÁIS QUE AUGA COIA, DOCE ANOS E MILES DE VIVENCIAS!

01/11/2022

Estamos de aniversario! Si, cumprimos doce anos de vida, doce anos nos que demos os nosos primeiros pasos, fomos crecendo como familia e vivimos miles de vivencias xuntos. Así que, a todos e todas, felicidades!

 

O 1 de novembro de 2010, Máis que Auga Coia foi o encargado de levantar o telón á aventura MQA. Ese día, ás nove da mañá, abriu as súas portas o primeiro dos tres centros que Máis que Auga ten en Vigo. Foi un día de moitos nervios e emocións: Os nosos traballadores/as enfrontábanse a un proxecto novo e ambicioso, e os nosos usuarios/as estreaban un concepto ata o de agora descoñecido en Vigo.

 

A expectación coa que se viviu a apertura desde meses antes provocaba unha gran responsabilidade en todos e cada un dos nosos técnicos/as. Houbo momentos marabillosos e outros cómicos; emocionantes e surrealistas, pero sobre todo inesquecibles para todas aquelas persoas que viviron estes meses previos e posteriores ao arranque deste gran proxecto.

 

Aínda rimos lembrando as colas inmensas na Praza da Tellada baixo un sol de xustiza; á señora sentada na cadeira de praia coa súa revista Hola para garantir a súa praza; a Borja subido a unha farola mandando á xente a casa e sendo abucheado; a aquelas persoas que viñan coas súas zapatillas de casa, porque lles diciamos que trouxesen calzado cómodo, ou con gorro de ducha no canto do de piscina… Tantos momentos inesquecibles que sempre formarán parte da nosa vida, e esperamos que tamén da vosa.

 

E aquí estamos, doce anos despois, coa mesma ilusión que entón e coas mesmas ganas de seguir formando parte das vosas vidas, tal e como fixemos ata o de agora. Xuntos vivimos momentos de alegría e tristeza, vimos crecer aos vosos fillos, acompañamos aos nosos avós, fixémosvos suar a pinga gorda, vivimos unha ampliación do centro, incorporamos novas tecnoloxías e mesmo superamos unha pandemia…

 

Nestes doce anos, por Máis que Auga Coia pasaron 48.217 abonados e contamos con máis de 17.000 persoas en lista de espera nalgún momento. E os cursos? Tivemos a máis de 51.000 rexistrados nalgunha das nosas actividades (14.201 persoas diferentes) e entre eses cursillistas non podemos deixar de destacar aos nenos, un total de 6.179, aos que ensinamos a nadar (a moitísimos), pero tamén a bailar, a facer taekwondo, practicar zumba ou xogar… Creceron connosco e nós con eles.

 

E así, coa bagoa asomando tras un repaso nostálxico polo pasado, miramos cara ao futuro, con ganas de seguir cumprindo soños xuntos e de que a familia Máis que Auga siga crecendo. Xuntos, a por outros doce máis!