MÁIS QUE AUGA APOSTA POLAS ENERXÍAS RENOVABLES

11/09/2022

Hoxe queremos compartir coa familia Máis que Auga un proxecto no que levamos traballando bastante tempo e que desde hai poucas semanas é unha realidade. Nos centros de Barreiro e Navia instalamos paneis solares fotovoltaicos, co obxectivo fundamental de contribuír á mellora ambiental e reducir o consumo enerxético, nun momento especialmente complicado.

 

Seguro que algúns de vós vistes durante o verán a varios traballadores en pleno proceso de instalación dos paneis nas cubertas dos nosos centros de Barreiro e Navia. Todos sabemos que a enerxía solar é limpa e renovable, pero é posible que aquí se acabe o noso coñecemento respecto diso. Así que, para aprender un pouco máis, acudimos ao xefe de mantemento de Máis que Auga, Suso Cedeira, para saber cal será a nosa pequena achega a nivel ambiental. Suso púxonos uns exemplos moi sinxelos de entender: “A produción anual desta instalación fotovoltaica por centro, equivale a 117 barrís de petróleo que non se consomen; a retirar da circulación 11 vehículos (10,66 para ser exactos); 50,60 toneladas de CO2 que se deixan de emitir… Esta será a contribución anual por instalación de Máis que Auga á mellora do medioambiente”. E a nivel de consumo, a estimación que temos é que supoñerá un aforro do 30% do gasto enerxético mensual.

 

E para iso, instaláronse, tanto en Barreiro como en Navia, 181 placas fotovoltaicas de 550 W, que terán unha produción de 1176 horas/ano por instalación e unha produción anual de 117.179 hw/h. A superficie ocupada polos paneis é de 484 m2. Evidentemente, en Coia non se puido realizar a instalación polo tipo de construción que é, senón por suposto que tamén se apostaría por esta enerxía, que transforma de maneira directa a luz solar en electricidade.

 

Os beneficios desta enerxía limpa son enormes: Non emite gases de efecto invernadoiro, polo que non contribúe ao quecemento global; non contamina nin o aire, nin a auga, nin xera residuos; a enerxía do sol é inesgotable, renovable e sostible. Outra vantaxe da enerxía solar é que diminúe a necesidade de combustibles fósiles e axuda a conservar os recursos naturais. Ademais, o uso de enerxía solar potencia a seguridade enerxética ao reducirse a dependencia de subministracións do exterior, algo especialmente valioso no momento de crise enerxética global que estamos a vivir.

 

Así, desde Máis que Auga demos un paso máis para reforzar o noso compromiso co medioambiente e as enerxías renovables.