Máis que Auga abre as portas mañá 12 de xuño!

11/06/2020

Por fin chegou o momento! Tres meses despois, o 12 de xuño volvemos abrir as portas dos nosos centros de Barreiro, Coia e Navia á familia Máis que Auga coas medidas de seguridade necesarias para que tanto os nosos usuarios coma os traballadores se atopen nun entorno seguro e san.

 

Seguindo as indicacións marcadas polas autoridades sanitarias, abrimos case a totalidade dos nosos servizos:  Sala fitness, os cursos de actividades dirixidas en sala (adultos e nenos), baño libre na piscina e zona spa, cursos de pádel, gabinete de fisioterapia e nutrición… E xa estamos a organizar o Campus Multideporte de verán e o servizo de ludoteca! Con respecto aos cursos de natación, non se contempla a súa posta en marcha na fase 3, polo que non nos queda máis remedio que dar por finalizada a tempada e trasladaremos a praza de todos os nosos cursillistas para o mes de setembro.

 

Seguridade e limpeza. Cumpriremos coas normas de seguridade establecidas por Sanidade, en canto aos aforos, distancia social e desinfección. Para iso, colocamos cámaras termográficas e alfombras desinfectantes na entrada, aumentamos nun 20% as horas de limpeza, instalamos postos de xel hidroalcohólico e desinfectante por toda a instalación, marcamos percorridos, delimitamos espazos nas salas e entre máquinas que respecten a distancia interpersoal…

 

Nestes intres é máis necesario que nunca establecer medidas especiais para as persoas en situación de vulnerabilidade e iso foi o que fixemos en Máis que Auga. Creamos unha sala exclusiva para ese sector da poboación en risco, ben pola idade ou pola súa situación sanitaria. Nesta sala, de uso exclusivo pero non obrigatorio, hai máquinas variadas para poder facer exercicio e ademais contaremos coa presenza de técnicos de Máis que Auga para que aconsellen aos nosos socios.

 

Ademais desta sala de actividades en seco, reservamos na piscina e no spa unhas franxas horarias (de 9.30h a 13.30h) todos os martes e xoves para que poidan gozar destas instalacións con maior tranquilidade.

 

E outra das nosas novidades na época post-COVID! Creamos unha nova actividade “Seniors en forma na rúa”, na que estableceremos un punto de encontro no acceso ao centro e dende aí nos desprazaremos a unha zona do exterior, aproveitando as pistas de pádel ou zonas axardinadas que temos ao noso redor. E aí será onde realizamos a nosa clase, nun entorno seguro e moi agradable para todos. Esta última medida vai máis alá dos sénior: Reinventamos moitas actividades utilizando novos espazos das instalacións aproveitando o bo tempo.

 

Recuperación dos días de marzo. Cando se paralizou a actividade, os nosos socios e cursillistas tiñan xa pagado o mes de marzo, polo que imos compensarlles eses días agora, de forma que non comezaremos a aplicar a tarifa do novo mes, ata que se cumpran eses 18 días pendentes. Desta forma os nosos abonados terán a oportunidade de contemplar in situ todas as medidas de seguridade implementadas nas nosas instalacións. No caso dos cursos de natación, o importe pendente compensarase no cobro de setembro.

 

Premio á fidelidade. Para todas e todos os nosos abonados que sigan connosco, temos un agasallo de benvida, que se entregará ao longo do mes de xuño. Ademais, durante o verán, no prezo habitual incluiremos o acceso á nova plataforma virtual casagym.tv, que comezaremos a utilizar dende xa e que será unha nova ferramenta de traballo. E outro obsequio máis! Os nosos socios/as poderán xogar ao pádel gratis nas pistas descubertas de Barreiro e invitar a tres amigos para formar os equipos, sempre sen custe algún.

 

Na seguinte ligazón, tedes un vídeo no que explicamos como será o funcionamento de Máis que Auga nesta nova etapa.

Así será a nova realidade en MQA