Máis que Auga abre as portas dos seus centros no Día Mundial da Actividade Física

29/03/2019

Máis que Auga abrirá as portas dos seus centros o vindeiro sábado, 6 de abril, para todas aquelas persoas que queiran probar as súas instalacións de xeito gratuíto, con motivo da celebración do Día Mundial da Actividade Física. A cita, que foi presentada esta mañá polo concelleiro de Deportes do Concello de Vigo, Manel Fernández, ofrece aos asistentes 20 actividades dirixidas e o uso libre das instalacións de auga e seco dos tres centros Máis que Auga de Coia, Navia e Barreiro.

Co obxectivo de que os vigueses e viguesas coñezan os beneficios do deporte en primeira persoa e poidan dar con aqueles exercicios que mellor se adapten ás súas necesidades, Máis que Auga elaborou un programa especial de actividades entre as que se atopan pilates, zumba en familia, body combat, adestramento de traballo aeróbico na auga, ximnasia na auga en familia e cursos de pádel.

Á cita poden asistir todas aquelas persoas ou familias socias ou non socias dos centros deportivos que queiran gozar dunha xornada saudable, previa inscrición. Poderán estar acompañados de amigos e familiares, xa que a maioría das actividades desenvolveranse en grupo. Os máis pequenos tamén poden participar en actividades adaptadas para que toda a familia goce xunta.

Os tres centros de Coia, Navia e Barreiro habilirarán un servizo de ludoteca infantil a partir dos 3 anos para todas aquelas nais e pais que queiran participar nas actividades de adultos.

 
Como participar na xornada
Aquelas persoas ou familias que desexen celebrar o Día Mundial da Actividade Física en Máis que Auga deben inscribirse nesta ligazón e seleccionar aquelas actividades nas que queren participar, ou espazos das instalacións que queren probar. Poden participar en cantas actividades queiran, sen límite, ata esgotar prazas. O horario de portas abertas é de 16.30 a 20.30 horas.

Fai aquí a túa inscrición