MAGNÍFICA RESPOSTA AO SEMINARIO DE DEFENSA PERSOAL FEMININA QUE SE CELEBROU EN MÁIS QUE AUGA NAVIA

05/10/2021

O seminario de defensa persoal para mulleres que se celebrou esta fin de semana en Máis que Auga Navia foi todo un éxito, tanto pola asistencia como pola resposta das participantes. En total asistiron á actividade máis de 100 mulleres, que se repartiron entre as sesións do sábado e do domingo.

 

En que consistía o seminario? Eran catro horas de curso para mulleres de todas as idades e condición física, nas que se ensinaba a reaccionar ante unha situación violenta. É unha actividade gratuíta, que se está a realizar por todo o territorio español, promovida pola Federación Española de Loita dentro do programa Muller e Deporte do Ministerio de Cultura e Deporte.

En Vigo había dende rapazas de 14 anos a unha muller de 68, e tamén algunha que sufriu algún tipo de agresión ao longo da súa vida. En xeral, as participantes manifestaron a súa satisfacción polo aprendido, aínda que dende a organización se insiste en que “o importante é seguir practicando o que aquí se lles ensinou para que, en caso de necesidade, o corpo reaccione de forma automática”.

 

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu á primeira sesión do Seminario de Defensa Persoal Feminina e compartiu coas participantes uns minutos, ademais de contemplar algún dos movementos que se lles ensinou para reaccionar en caso de ser atacadas. O alcalde destacou a importancia destas actividades que mandan “unha mensaxe de respecto” á sociedade, e anunciou que solicitaría ao Ministerio de Cultura e Deporte que este seminario se impartise de forma continuada en Vigo.

Jonathan Martínez, representante da defensa persoal feminina en Galicia e organizador do evento, manifestou a súa satisfacción pola resposta das participantes e explicou que “ao día seguinte xa se puxeron en contacto comigo case cincuenta mulleres para preguntarnos se iamos facer o curso en Vigo”. Este curso, da Federación Española de Loita, conta con tres niveis e se os fas todos “podes acceder ao cinto negro e chegar a ser monitor”.