Loita polo teu obxectivo!

23/08/2018

Se che gustan as artes marciais ou simplemente moverte ao ritmo da música, o bodycombat está feito para ti. E agora poderás practicar esta actividade a partir do 3 de setembro en todos os nosos centros de Máis que Auga (Coia, Navia e Barreiro).

No marco do método internacional Les Mills, que xa enganchou a millóns de persoas en todo o mundo, esta actividade combina movementos de kárate, taekwondo, boxing ou capoeira, entre outros, para ensinache a dar patadas, puñazos e golpes ao aire mentres melloras o teu nivel de fitness.

Ao tempo que fai aumentar a nosa forza, esta clase de cardio convida á diversión e supón toda unha descarga de estrés e adrenalina, ademais de axudarnos a queimar unhas 737 calorías por sesión.

Non é necesario contar con ningún tipo de experiencia previa e é apto para mulleres e homes. O único que se necesita son ganas de soltar enerxía, o que contribuirá a despexar a nosa mente.

Co asesoramento e as instrucións dos nosos técnicos, que contan coa formación de Les Mills, non só mellorarás a túa coordinación, senón que tamén gañarás confianza en ti mesmo. Despois do verán, “destrúe” calorías e loita polo teu obxectivo!