LEVAMOS MÁIS QUE AUGA AO EXTERIOR

21/07/2020

Ampliamos as salas das nosas instalacións ata o exterior. Trala reapertura dos centros Máis que Auga no mes de xuño, tratamos de facer máis actividades ao aire libre que nunca. Os motivos son variados. Por un lado, ao atoparnos no verán, sempre tentamos saír máis ao exterior, era algo que xa faciamos outros anos. Agora, co Corona Virus, as actividades express saíron da instalación, xa que ao reorganizar o espazo para manter as distancias de seguridade entre máquinas, desapareceu a zona reservada para as actividades express. Así que, temos un punto de encontro (sempre con máscaras) e xuntos imos ata fóra onde realizamos a clase.

 

No caso de Coia acudimos á praza exterior; en Navia, nalgunha das terrazas, e en Barreiro, no parque ou nos xardíns xunto a piscina. Son momentos moi divertidos, xa que cos nosos técnicos e técnicas iso está garantido, pero ademais co ceo e o sol como compañeiros. Aquí as distancias interpersonais son maiores e a tranquilidade absoluta para todos os participantes, que bastante teñen con seguir o ritmo. En Coia saímos pola tarde, cando xa baixou a calor, a facer a clase de body cross ao exterior e algunha vez zumba, ademais de todas as clases de express (estiramentos, core, fitness…) ao longo do día, que son máis curtiñas. E o mesmo sucede en Barreiro e Navia, onde aproveitamos espazos diferentes ao aire libre, para facer deporte no mellor ambiente.

 

Ademais, das express tamén creamos unha nova actividade, séniors na rúa, adicada aos nosos maiores e persoas vulnerables, para que sigan facendo deporte, algo fundamental para eles e moito máis despois dos meses de confinamento na casa. Flavia Ozinete é a técnica que imparte esta clase en Coia e explicounos que hai xente que non quere acceder ás instalacións porque ten medo, e entón, “quedamos na entrada e imos ao parque que hai sobre o ximnasio”. Flavia adapta a clase ao grupo que teña cada día, “comezamos dando unha volta á praza, camiñando ou correndo, dependendo de cada un. Despois facemos exercicios para fortalecer a musculatura, estiramentos e, según o día, algunha postura de ioga”. Flavia explicou que o grupo vai medrando e agora incluso se sumaron unhas netas, que acompañan á súa avoa.

 

Flavia buscou a fórmula para que o exercicio axude tamén coa memoria: “Facemos xogos, imos aprendendo pasos de unha coreo un a un, e imos sumando o novo ao primeiro y así sucesivamente, ata que formemos unha coreografía. É unha forma de exercitar tamén a memoria”.

 

Así que non hai escusas! Fai a túa reserva a través da web, da APP ou na propia instalación. Esperámoste en Máis que Auga coas nosas actividades ao aire libre, para que sigades sendo activos e esteades en forma e sans.